O goberno local volve contratar a praza de patrón da lancha, agora armando lista de substitución para cubrila tres anos

O edil de persoal, Diego Fernández, nun pleno

O goberno municipal volve optar por contratar directamente un patrón para a lancha Diana Cazadora para a vindeira tempada estival. Nos últimos anos o executivo socialista titubeou entre cubrir directamente unha praza inexistente no cadro de persoal municipal ou privatizar estas tarefas. O certo é que o BOP de onte abría prazo para presentar instancias para o proceso selectivo para a selección temporal para cubrir a inexistente praza por seis meses.

As bases da convocatoria, publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia, recollen que o “contrato laboral de carácter temporal coas cláusulas específicas de Obra ou Servizo determinado, na categoría profesional Grupo II.A, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos”. Isto implica que o posto terá unha retribución bruta de 1.559 euros e que a xornada de traballo será de 37,5 horas semanais, de luns a domingo.

Os aspirantes que superen as probas pasarán a formar parte dunha bolsa para futuras contratacións por un prazo máximo de tres anos, coas que o executivo local pretende garantir a cobertura desta praza que non existe no cadro de persoal municipal. As persoas interesadas en participar neste concurso oposición deberán presentar a súa solicitude no prazo de dez días hábiles a contar desde a publicación no BOP.

Funcións propias de funcionarios

“Ademais da condución e transporte de pasaxeiros nos grupos autorizados debidamente polo Concello ao Campo dos Caneiros e pola Ría de Betanzos ata o Pazo de Mariñán, os dias que se autoricen e demais servizos que o Concello considere, a limpeza, mantemento e demais coidados que teñan que realizarse na citada embarcación, así
como o seu traslado as dependencias das autoridades marítimas correspondentes os efectos administrativos e burocráticos que fora necesario”.

A custodia da documentación oficial é unha tarefa que as leis reservan exclusivamente ao persoal funcionario, deixando fóra expresamente aos laborais. As bases establecen a obriga de manexala fóra das dependencias municipais a este patrón.

Críticas de BNG e CIG por cubrir unha praza inexistente no que se deixan as imprescindibles vacantes

Esta praza naceu con polémica desde o inicio. O goberno local priorizou esta contratación no que deixaba sen cubrir ou privatizaba outras como as da escola infantil ou a limpeza, respectivamente. Isto motivou airadas críticas tanto no pleno polo BNG como nas mesas de negociación por parte da CIG. A comparación entre unhas e outras é algo que incomoda ao goberno local a xulgar polas reaccións cada vez que o patrón asomaba a proa nos debates plenarios.