O goberno local ultima un novo proxecto para volver pedir medio millón para o paseo por San Xiao

Un instante do roteiro contra o paseo do mes de xaneiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

Un novo proxecto que supera as críticas polo impacto ambiental do anterior trazado e incorpora todas as suxestións das entidades ecoloxistas. Con esta proposta, cun orzamento tamén superior ao medio millón de euros, o goberno local de Betanzos pedirá cartos á Deputación para sacar adiante o controvertido traxecto entre As Monxas e Os Caneiros, atravesando San Xiao. Unha actuación que quedou fóra do Proxecto Mandeo na primeira década dos 2000 pola incapacidade do goberno local para expropiar os terreos do trazado e que tivo que enfrontar críticas debido ao seu trazado, actuacións e mesmo oportunidade.

A última tentativa fracasou entre mobilizacións contra o proxecto, co Concello de Coirós opoñéndose á construcción dunha escolleira no seu termo municipal e cun recurso do BNG. En xaneiro do pasado ano o segundo proxecto de paseo embarrancaba definitivamente, mais tanto o goberno local do PSOE, como BN, unha das forzas que apoia as contas e proxectos do executivo, non aparcaron a idea.

O executivo local viuse forzado a suprimir as actuacións con máis impacto ambiental incluídas no proxecto, como a escolleira ou a rede de saneamento na beira mesma do río e a pasarela pilotada que atravesaba o carrizal de San Xiao, un dos contadísimos puntos de cría da rara escribenta das canaveiras no noso país.

Porén, o goberno local adía a expropiación de varios predios pegados ao río, actualmente urbanizables, a sacar adiante o plan xeral. A protección e posta en valor do Mandeo quedará así pendente a un documento urbanístico que ao PSOE se lle resiste aínda máis que este paseo para o que conta con ter a unanimidade da Corporación tras refacelo novamente.

O PSOE negaba o impacto ambiental do proxecto

O executivo local negou en todo momento que o trazado anterior, con escolleiras, redes de saneamento a carón do río, desmontes e pasarelas, tivese impacto ambiental sobre o delicado ecosistema do Mandeo. Mesmo descualificou, en reiteradas ocasións, as voces críticas contra o contido concreto do trazado.

Os medios municipais non informaron nunca do contido do proxecto de paseo por San Xiao

Porén, unha vez que o Concello de Coirós negou autorización a obrar no seu territorio, o PSOE atribuía o seu desistimento a contratar a obra- que xa recorrera o BNG por licitar obra pública noutro municipio- a revisar o seu impacto ambiental.