O goberno local suprime o festivo local do Martes de Entroido

O exalcalde, Ramón García, e a exconcelleira de cultura e actual alcaldesa, María Barral, na presentación do logo

Dous días ao ano pode marcar cada municipio en vermello no seu calendario. Nunha cidade do pouso histórico de Betanzos a tradición manda e, salvo que o segundo coincida en domingo, esas datas son o Martes de Entroido e o 16 de agosto, día de San Roque. E mesmo no caso de que sexa domingo o día do patrón, a tradición tamén prevé que pase ao 18 de agosto, día dos Caneiros.

O executivo local acaba de truncar esa norma non escrita que pesa na tradición betanceira. O Entroido non terá datas festivas o vindeiro 2019. O goberno local decidiu retirarlle a xornada feriada para darlla ao mércores 13 de febreiro. Non é para conmemorar a ningún dos nomes que o santoral celebra nesa data. Será para conmemorar o “800 aniversario” de Betanzos.

A efeméride, sen dúbida a grande empresa do PSOE na presente lexislatura, conmemora a autorización de Afonso VIII- malnumerado coma IX pola historiografía española- a trasladar a poboación de Betanzos ao castro de Untia, asinada o 13 de febreiro de 1219. Con este festivo a metade de semana o PSOE pretende dar o pistoletazo de saída a uns fastos aínda por definir para os que pediron beneficios fiscais.

Os mitos do 800 aniversario: o 800 aniversario da fundación da cidade

O goberno local recorda que remitiu un convite á Casa Real para que acudan a algún dos actos que conta con programar, que se prevé que conte con exposicións, congresos ou mostras. Avanzou o goberno local a súa intención de recuperar o controvertido stand propio en Fitur- logo de cruces de reproches entre PSOE e PP e optar hai anos por integrar a delegación da Deputación provincial para unha promoción conxunta da comarca.

O que si hai xa é logotipo oficial do programa. Unha combinación dos rosetóns do Azougue e a igrexa de Tiobre realizada por un artista vasco que nunca visitou a cidade, como el mesmo asegurou.