O goberno local saca a contratación de orquestras para o San Roque por 63.000 euros

O alcalde de Betanzos, Ramón García

O goberno municipal anuncia que convocou un concurso público para a contratación das orquestas das festas de agosto. A través desta convocatoria o Concello contratará cinco orquestas para os días 15, 16, 18, 21 e 25 agosto, destinando para iso un orzamento de algo máis de 63 000 euros (IVE incluído).

O concurso inclúe a contratación da orquesta Os Satélites, o día 15; a orquesta Dilema, o día 16; a orquesta A Favorita, o día 18; a orquesta Panorama, o 21 de agosto e a orquesta Ibiza o día 25. O pliego recolle que cada orquesta deberá facerse cargo da montaxe do escenario e os equipos necesarios para realizar a actuación no horario establecido polo Concello.

O executivo di que é dos poucos concellos que contratan así as orquestras

O goberno local destaca no seu comunicado de prensa que é “unha das poucas administracións que se decantou por este procedemento” para contratar estas actuacións musicais. Porén, é o procedemento que evita para outro tipo de contratacións de servizos cotiáns, onde opta reiteradamente por evitar o concurso público como teñen denunciado os técnicos municipais.

Ademais, malia ser formalmente un concurso aberto, a representación destas orquestras- como recolle o portal Orquestas de Galicia que o goberno local ten usado mesmo como baremo para medir este concurso- están representadas en exclusiva por unha axencia determinada.