O goberno local require aos propietarios de parcelas que as limpen para prever o lume

Vista do convento das donas cuberto de maleza

O Concello de Betanzos exixiu por carta aos propietarios de máis de 350 leiras, tanto urbanas como rurais, que as limpen retirando a maleza. O executivo local explica por medio dun comunicado de prensa que esta reclamación ten fundamento na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia. Segundo fontes municipais, os terreos atópanse nun estado de abandono que foi detectado polos servizos municipais, ben a través de denuncias de particulares- que recorrentemente asoman nas redes sociais, sobre todo en determinados barrios con parcelas sen construír- ou ben de forma directa.

O goberno local lembra no seu requerimento que o deber dos propietarios é o de corrixir o estado de abandono no que se atopan as parcelas e facerse cargo dos prexuízos, no caso de que os houbese, que se causen ás parcelas colindantes e insiste no interese xeral de manter todos os predios nun adecuado estado de limpeza. Advirte que de ingnorarse tal advertencia incoará expediente sancionador.

O executivo salienta que os propietarios están obrigados a evitar o crecemento de especies que dificulten a visibilidade nas vías públicas, especialmente, en cruces ou lugares de paso de vehículos a motor. Tamén se advirte de que si non se acomete a xestión da biomasa das parcelas abrirase o expediente sancionador correspondente que podería conllevar a execución subsidiaria dos traballos, repercutindo os gastos correspondentes ao propietario ou a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10 000 euros.

O goberno local recorda que, na primeira fase de requerimientos, o pasado mes de xuño, advertiuse a máis de 200 propietarios. E, agora, comprobarase que o estado das leiras é o adecuado xa que, en caso de incumprimento, iniciaranse os trámites sancionadores.

O propio Concello incumpre a lei contra o lume

Contrasta este comunicado de prensa do executivo local- que se repite identicamente ano tras ano- coa xestión que das propias obrigas municipais fai o executivo socialista. Así, a diferencia doutros municipios do entorno, o goberno de María Barral- como antes o de Ramón García que esta herdou- non comunicou aos propietarios de plantacións de árbores a súa obriga de retranquealas das inmediacións dos camiños, en distancia variable atendendo á especie plantada e vía que se trate. É responsabilidade dos concellos garantir estas franxas de seguridade tanto a camiños e potenciais vías de evacuación como aos  núcleos de poboación.

Tampouco o goberno local ten unha xestión precisamente exemplar das parcelas de titularidade municipal, quer as do Carregal como as do polígono industrial, inzadas de plumachos. Esta última especie, cuxa tenencia está prohibida, abunda noutras vías de titularidade municipal, no propio recinto da piscina municipal e nas beiras dos ríos e camiños municipais, ademais dos valos da N-VI, entre outras estradas.

O executivo local tampouco cumpre distancias a ríos, estradas ou camiños coas súas propiedades forestais. O estado dos terreos expropiados polo Concello para o fallido paseo da Cañota son unha boa mostra.