O goberno local renova coa Cruz Vermella o convenio para o programa de alimentos

A sede betanceira da Cruz Vermella, no antigo centro de hixiene

O goberno local e Cruz Vermella asinaron o convenio de colaboración para a xestión do programa de reforzo de alimentos dende o que se atenden casos de familias en situación de especial vulnerabilidade residentes no Concello. A iniciativa encádrase no programa de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social e ten como obxectivo atender ás familias necesitadas logo do informe dos Servizos Sociais, que son os encargados de realizar a valoración para inclusión das persoas usuarias no programa.

A colaboración de Cruz Vermella, por outra banda, centrarase na recepción e almacenamento dos alimentos nas súas instalacións, garantindo as condicións necesarias para a boa conservación destes. Realiza tamén a xestión do reparto, comprometéndose a dar resposta a situacións de urxencia nun prazo inferior a 24 horas.

A alcaldesa, María Barral, destacou o papel que Cruz Vermella desenvolve no ámbito comarcal de Betanzos con distintos programas de acción social que foron reforzados no seu momento para dar resposta ás demandas xurdidas co inicio da crise económica. Estas accións únense aos numerosos programas que se levan a cabo por parte de Servizos Sociais, departamento que mantén una estreita coordinación con Cruz Vermella para o desenvolvemento de distintas actuacións co fin de lograr unha maior eficacia e rendibilidade dos recursos que reverta na veciñanza. Dentro das medidas que se adoptaron para desenvolver de maneira conxunta acordouse centralizar e implementar o programa de reparto de alimentos coa creación dunha acción que permita cubrir de maneira inmediata a demanda de alimentos.

O número de familias incluídas no programa desde o seu inicio descendeu notablemente, xa que naceu no contexto do inicio da crise económica. Aínda que mellorou a situación, nestes momentos hai máis de vinte familias susceptibles de continuar no programa. Ademais, a través deste, aténdense situacións de urxencia puntuais que xorden con esta demanda específica, cun prazo de resolución case inmediato.

María Barral indicou que o Concello pretende establecer tamén relación coas empresas ou institucións afincadas no municipio para lograr a súa colaboración. Explicou que o programa é unha medida máis das que “se están a facer no Concello tanto por parte da Administración local como por parte doutras entidades sen ánimo de lucro”.