O goberno local poñerá máis cámaras, agora no Concello para controlar ao persoal

O edil de persoal, Diego Fernández, nun pleno

A CIG revelou por medio dun comunicado no seu web a intención do goberno local de colocar cámaras en todos os edificios municipais para controlar a presenza dos empregados municipais no seu interior. Segundo o sindicato nacionalista, actualmente o goberno local está “co proceso de captación das pegadas dixitais”.

A previsión do executivo, segundo trasladou ao sindicato o edil de persoal, Diego Fernández, é “que a partir do 1 de marzo comezará a funcionar en modo proba, coas cámaras instaladas, en todos os edificios municipais”. “Indicou que a finalidade é levar un control mais continuamente falou de flexibilidade” explican desde a Intersindical Galega, que aseguran “descoñecemos se será como a actual”.

Segundo o primeiro sindicato do Concello, “dependendo de quen sexa o traballador controlan se está ou non, se falta e xustifica a ausencia ou non, se pode entrar a unha hora diferente que o resto do persoal sen ter conciliación ou mesmo á discriminación histórica na xornada semanal entre algún persoal de servizos e o resto ou o persoal de oficinas”.

Estar non significa traballar

A experiencia na instalación deste tipo de sistemas, mesmo na empresa privada, non garante que o traballador que estea dentro das dependencias, neste caso municipais, estea a cumprir efectivamente coas súas tarefas. Só garante, e non sen trampas, que está dentro do edificio.

Cámaras para os coches no Casco Histórico

Este gasto, sen cuantificar, ven sumarse aos 40 000 euros que o goberno local investirá, dentro dun plan provincial e co apoio de todos os grupos da Corporación agás o BNG, en colocar entre dez e doce cámaras nas rúas do Casco Histórico para permitir o tránsito e estacionamento no mesmo, supostamente controlando o tempo de duración do mesmo.