O goberno local iniciou a valoración dos riscos dos edificios municipais tras outro requerimento da Inspección de Traballo

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa en funcións

O goberno local iniciou recentemente as visitas de recoñecemento aos distintos edificios e dependencias municipais para avaliar e elaborar os seus plans contra riscos laborais e de prevención. A medida chega logo das denuncias presentadas pola presidenta do Comité de Empresa na Inspección de Traballo provincial, que motivaron que varios inspectores se puxesen en contacto por estes temas coa representante dos traballadores.

Tras esta fase de documentación, a propia Inspección de Traballo fixo un novo requerimento ao Concello de Betanzos e demandoulle a entrega inmediata da documentación que verificase o cumprimento de requerimentos anteriores sobre os plans de emerxencia e evacuación do Edificio Arquivo e dos simulacros realizados, así como o seguimento das xuntanzas realizadas do comité de seguridade, a contratación dun servizo de prevención de riscos, recoñecemento médico ao persoal ou a información das horas extraordinarias ordenadas ao persoal polo executivo socialista desde agosto de 2017.

“Logo deste requerimento o Concello convocou o Comité de Seguridade e Saúde, que levaba case un ano inactivo, motivo polo que se denunciou na Inspección, xa que se debe reunir con carácter trimestral” recorda a CIG nun comunicado. O executivo local procedeu, ademais, a contratar “o novo Servizo de Prevención Alleo”, que “comezou as visitas polos centros de traballo para facer as avaliacións de riscos correspondentes”.

O goberno local non dá información que as leis obrigan a dar

“Polo momento, o Concello non entregou lle entregou aos representantes dos traballadores o Plan de emerxencia nin a información correspondente ás horas extraordinarias” denuncian.

O executivo socialista conculca así- nun tema “recorrente” segundo anteriores denuncias da CIG- as obrigas de informar que a Lei lle impón. Algo similar, en relación ao acceso a diversa documentación municipal denunciou o BNG diante do Valedor do Pobo, poñendo en evidencia os atrancos a transparencia por parte do PSOE.