O goberno local culpa ao PP de que non teña valor a RPT municipal

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

O goberno local asegurou que se a RPT municipal en vigor non ten validez débese ao PP, porque foi aprobada en 2008, baixo o mandato da popular María Faraldo. O executivo sae así ao paso das críticas da dereita debido aos problemas da Relación de Postos de Traballo (RPT), que deixará fóra a preto de setenta traballadores temporais en situación de fraude de lei. O PSOE asegura constatou agora que carece de “validez xurídica” por unha serie de erros na súa tramitación.

Os socialistas reproban a “desfachatez” do PP por criticar agora a situación. “Se o portavoz do PP considera que estes traballadores están nunha ‘situación perigosa’ é consecuencia da súa propia xestión”, replica o PSOE nun comunicado. A formación critica ao PP por xerar unha “alarma” inxustificada e garante que todos os empregados conservarán os seus postos.

Os socialistas recalcan que os empregados temporais que non poidan incluírse na RPT seguirán amparados polo convenio colectivo e que poderán acudir aos xulgados si queren que se declare o seu carácter indefinido. O sindicato maioritario do comité de empresa, a CIG, non comparte o seu optimismo e alerta da “inseguridade” que deparará esta situación.

O goberno local non deu información sobre este suceso

O único comunicado emitido polo goberno local a este respecto foi para arremeter contra a oposición. O BNG forzou no pleno da pasada semana que o edil de persoal, Diego Fernández, dese conta teste tema, que leva meses como rumor polo municipio. Nacionalistas e conservadores cuestionaron o secretismo con que o goberno local estivo a levar o asunto.