O goberno local compra as cámaras para o tráfico no Casco Histórico sen regular o tránsito

Este estacionamento é un dos que o PSOE pretende recuperar no seu plan de “parking express”

O goberno local sacou a licitación a instalación dunha ducia de cámaras que vixiarán os accesos ao Casco Histórico. A contratación destes elementos por parte do goberno local chega mesmo antes de ter revisado a normativa a aplicar no conxunto monumental no que ao tránsito rodado se refire e mentres o executivo local fai a vista gorda coas actuais normas sobre circulación e estacionamento.

Segundo o goberno local, estas cámaras poderán efectuar a lectura das matrículas e xestionar o acceso. O goberno local pretende poñer en marcha este dispositivo no último trimestre do ano e tras un periodo de proba.

A adquisición das cámaras e o programa informático para o seu funcionamento, cun custo superior aos 30 000 euros,  inclúese nun plan provincial de obras e servizos e foi aprobada cos votos a favor de PSOE, PP, Betanzos Novo e o edil de Betanzos en Común. O BNG votou en contra.

Unha enquisa, unha ordenanza e un plano de párking express que se ocultan

O goberno local sacou o pasado verán unha ordenanza nova que aúnaba a suprimida ORA e mais o “parking express” no Casco Histórico. Baixo tan suxerente rótulo o PSOE pretendía recuperar o estacionamento nas rúas do Castro e Travesa e nas prazas da Constitución e Pérez de Andrade o estacionamento en superficie, en períodos máximos de 75 minutos. Nesa ordenación prevíase unha nova ordenanza que mesmo incluía cobrar por facer residentes os vehículos.

Para avalar a medida realizou unha enquisa no web municipal e puxo en información pública a ordenanza, sen facer público despois o resultado de tais consultas.  O BNG chamou a alegar neste proceso. “Estamos convencidas de que só os Cascos Históricos que priman as persoas sobre os coches e restrinxen o acceso rodado conseguen recuperar pulso e vitalidade”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Para nós o Casco Histórico é a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos, e desde logo iso non se vai lograr convertendo as rúas e prazas do centro histórico en estacionamento”, engadiu. “O noso modelo de cidade é o de Allariz ou Pontevedra, con cascos históricos rehabilitados, cheos de xente, comercio e servizos e o camiño que seguiron é o que ten que seguir Betanzos”, proseguiu.