O goberno local asegura que a afluencia á Feira Franca foi “similar” ao ano pasado

Presentación da Feira Franca coa ausencia do rexedor

Alleo ás críticas de feirantes e comerciantes locais, o goberno local asegura que os resultados da Feira Franca Medieval clausurada o pasado domingo son “moi satisfactorios” e que a afluencia de público foi “similar” á edición do pasado ano. O rexedor destacou a “altísima participación” rexistrada, referíndose ao número de visitantes da tarde-noite do venres, a noite do sábado e a tarde do domingo.

García destacou a importancia da feira para o municipio tanto desde o punto de vista económico como o turístico, mentres que a concelleira Mónica Carneiro anunciou que a edición do próximo ano fará “algunha referencia” á celebración do 800 aniversario do traslado de Betanzos ao seu actual emprazamento.

O goberno local tamén resaltou a ausencia de incidentes pese á gran afluencia de público grazas ao labor desenvolvido por Policía Local e Garda Civil, Protección Civil, e Cruz Vermella.

Críticas ao programa e á baixada de ventas

Mentres o executivo local se enroca na súa avaliación calcada ano tras ano, non son poucos os veciños que cuestionan o “sota, cabalo e rei” dun programa reiterativo que se calca ano tras ano. Desde os comercios do Casco Histórico repetíase a queixa dos feirantes, incidindo nunha feira bastante máis “frouxa” que a do pasado ano no tocante ás vendas, tanto en conversas como nas redes sociais. O BNG, antes de comezar esta XXI edición, insistiu tamén na necesidade de reforzar a oferta cultural do evento apostando “polo propio, polo que nos fai diferentes” como incentivo para facer funcionar o evento.