O goberno local anuncia que contratará un “anteproxecto básico” para ver que facer co convento de Donas

O convento de Donas no barrio da Condesa. Ao fondo, bloque de pisos sobre o espazo que ocupou a súa capela

O goberno local anunciou esta pasada fin de semana que encargará un anteproxecto básico para coñecer o estado en que se atopa o Convento de Donas, o edificio en pé máis antigo de Betanzos que xa fora reconstruído en 1138. Segundo anunciou o alcalde, a rehabilitación será para que teña un “uso preferente por parte dos veciños das Cascas- A Condesa”. Segundo o comunicado de prensa do executivo local, o rexedor comprométese a presentar este anteproxecto ao resto dos grupos da Corporación para “decidir entre todos a solución máis satisfactoria”.

O BNG fixo hai uns meses o último dos seus chamamentos a manter en pé este edificio vinculado á Casa de Traba. Nesta ocasión censuraba que o goberno local “deixase caer” o seu edificio máis antigo á vez que programaba os actos do 800 aniversario da cidade. Unha busca en google evidencia que, cando menos, este chamado se reproduce media ducia de veces desde 2001 desde a bancada nacionalista sen que, ata o de agora, surtisen efecto os chamados.

Promesas incumpridas de rehabilitación

Manuel Lagares fixo campaña prometendo un albergue no vello cenobio. “A rehabilitación pronto será unha realidade”, insistía a propaganda oficial, difundida nos boletíns do partido na recta final do mandato. Tampouco foi adiante a tentativa de convertilo nun templo para o barrio da Condesa.

Con estes precedentes non é de estrañar que o anuncio do goberno local fose acollido con incredulidade nas redes sociais e na rúa o pasado domingo. “Verei e crerei” éra o hastag sobre o tema, que mesmo foi respondido nas propias redes sociais do Concello.

O goberno local construíu un aparcamento sobre el

Durante anos o goberno local, en mans do PSOE, negou que o Convento de Donas fose de propiedade municipal, derivando calquera actuación sobre el á Xunta. Aseguraba que era do goberno galego pola cesión de fincas para construír A Condesa. Mais nese tempo o executivo local contribuíu ao declive do edificio, con limpezas máis que ocasionais e habilitando un aparcamento sobre un dos edificios do inmoble, contiguo ao Camiño da Estación. É unha máis das numerosas agresións que sufriu o edificio, parcialmente soterrado.