O goberno local anuncia que acordará coa Deputación 544 000 euros para o paseo do Mandeo

Un instante do roteiro contra o paseo do mes de xaneiro. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

O goberno local remitiu onte un comunicado dando conta da xuntanza mantida entre a alcaldesa e o edil Diego Fernández co deputado provincial de Plans Provinciales, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico da Deputación. O tema sobre a mesa era o paseo do Mandeo, paralizado a comezos de 2018 tras a negativa de Coirós a autorizar unha escollera no seu territorio e un recurso do BNG contra a contratación.

O goberno local asegura que na xuntanza o responsable provincial tería confirmado a reserva dunha partida de 544 000 euros- aínda que á vista do anunciado polo executivo socialista sobre o compromiso da Xunta co Pasatempo habería que tomar o anuncio con cautela- para esta actuación, que se acometerá en 2019.

Sempre segundo o comunicado remitido polo goberno local, o ente provincial tramitaría agora o novo convenio, logo de que o executivo socialista deixase caducar sen executar o anterior. O goberno local contrataría os traballos.

Segundo o goberno local, a actuación pretende “poñer en valor un espazo único, entre a cidade e os Caneiros” mediante actuacións como melloras na rede de saneamento, construcción dunha senda peonil, recuperación da vexetación de ribeira e o bosque autóctono coa eliminación de especies exóticas ou invasoras para poñer en valor e divulgar a ZEC (Zona Especial de Conservación) Betanzos-Mandeo.

O goberno local explica que a causa de problemas internos da firma que redactou os primeiros proxectos obrigaron, hai tres meses, a encargar un “novo” proxecto, ao comezo do verán de 2018, momento no que o goberno local negociou con algúns grupos ecoloxistas o documento definitivo para tratar de minimizar ao máximo os riscos e impacto ambiental das obras- un extremo que o PSOE, ata a data, negaba furibundamente e mesmo chegando a descualificar a quen advertía deles. Así, suprímense, segundo o comunicado do goberno local, a escollera ou a rede de saneamento prevista na beira do río e a pasarela sobre o carrizal de San Xiao.

Segundo o goberno local, esta proposta nace do “consenso” e di agardar que logo de pechar o acordo sobre o trazado coas entidades ecoloxistas convidadas a analizar o documento tanto en varias xuntanzas no Concello coma no GDR, espera contar co mesmo respaldo na Corporación.