O goberno local impón uns servizos mínimos que impiden a parte das traballadoras municipais ir á folga

O edil de persoal, Diego Fernández, nun pleno

Onte tivo lugar unha mesa de negociación para acordar os servizos mínimos que rexerán no Concello durante a folga feminista convocada para mañá. O goberno local presentou unha proposta na propia xuntanza, “para evitar que os delegados sindicais os puidesen estudar con detemento”, segundo denunciou a CIG.

Así, o PSOE impón que sexan servizos mínimos 5 traballadoras na Escola Infantil Municipal, 2 traballadoras no servizo de axuda no fogar (das que dependen do Concello e non da empresa concesionaria) e 1 traballador/a no Rexistro municipal. Agás un, que pode ter varias persoas a cubrilo, os restantes son todos postos desempeñados por mulleres polo que o goberno local impide así a folga que se comprometeu a apoiar e facilitar o pasado 27 cando o pleno acordou, coa oposición do PP, respaldala,

A CIG considera abusiva esta proposta no relacionado coa Escola infantil, tendo en conta que en moitas outras ocasións non están todas esas traballadoras, 5 de 7, “nun servizo que non é de urxencias, educación nin atención sanitaria” engaden. Así mesmo aseguran que “a interrupción deste servizo non pon en perigo a seguridade e saúde da poboación nin provocaría ningún tipo de caos, menos aínda cando o paro convocado afectaría nas dúas horas da mañá”.

“No caso de axuda no fogar, tendo en conta que a axuda á dependencia está privatizada na actualidade e o persoal de axuda no fogar do Concello só fai o servizo básico amosamos as nosas dúbidas sobre estes servizos, toda vez, que, casualmente, tanto na Escola Infantil como no servizo de axuda no fogar só hai mulleres traballando, xusto as que están convocadas para a folga do 8M” denuncian.

“Resultou curioso que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, dixese que a Escola Infantil tiña que ter 5 traballadoras de servizos mínimos porque é un servizo básico e necesario” cando despois non se cubren “as xubilacións e as necesidade do servizo de xeito permanente e inclúan os postos dese servizo básico e necesario na Relación de Postos de Traballo”. Denuncian que sete dos oito postos que o goberno entende como servizos mínimos están desempeñados polo mesmo persoal laboral que o executivo do PSOE se nega a incluir na RPT, denunciando que para a folga si son esenciais pero para incluilos no documento non.

“Finalmente, e logo de saír da Mesa, solicitámoslle ao Concello de Betanzos que publique canto antes o decreto dos servizos mínimos de cara a podermos tomar as medidas pertinentes, mais o certo é que esta demora na publicación dos servizos mínimos é unha constante en todas as administracións que dificultan que estes se recorran por abusivos xogando cos prazos ao seu favor nunha folga que xa é pasado mañá” denuncian, engadindo que “coma vén sendo costume, CSIF, CCOO e UGT- sindicatos que avalaron a exclusión dos laborais na RPT- amosaron a súa conformidade coa proposta do goberno municipal”.

O goberno local rebenta a folga que di apoiar

O pleno do pasado 27 de febreiro debatiu dúas mocións osbre o respaldo á folga feminista do vindeiro día 8. No transcurso do debate o PSOE asegurou o seu inequívoco compromiso coa xornada de loita e as súas motivacións, malia os múltiples incumprimentos na materia que acumula cada ano. Porén, as disposicións do executivo local camiñan na liña contraria e o goberno impide que as empregadas municipais poidan participar desa xornada á que, segundo o acordo plenario, se comprometeu a facilitar asistencia e difusión.

Concentración ás 12:30 diante do Concello

Con este decreto de servizos mínimos o goberno local impide a todas as traballadoras afectadas acudir ao paro de dúas horas convocado pola CIG e á concentración que a central sindical ten convocado ás 12:30 diante da Casa Consistorial, que supostamente conta co respaldo institucional do Concello ademais de outras organizacións coma o BNG.