O goberno local adebeda as horas extras de decembro ao persoal municipal

DIego Fernádez entregando un premio

“Segundo temos coñecemento, por unha comunicación do concelleiro de Persoal, o Concello de Betanzos non lle pagou ao persoal laboral as horas extraordinarias nos meses de decembro e xaneiro e que nalgúns casos mesmo se correspondían a meses anteriores”. É a denuncia que fai a CIG sobre a demora en pagar esta parte do salario a boa parte do cadro de persoal do Concello.

Explican que Diego Fernández, o edil de persoal, evita aclarar o motivo da negativa a pagar mais entenden que ” vai claramente en contra do que outros concelleiros lle indicaron ao persoal, como o caso da Escola Infantil Municipal, que por motivo da falta de persoal lles negaron de posibilidade de compensar as horas, xa que o servizo quedaría descuberto e comunicoulles a concelleira que as debían cobrar, mais, pola contra tampouco llas pagan, provocando unha situación que de seguir así provocará un conflito, como xa ten habido no pasado”. Isto evidencia que, malia a orde en que foron designados para cubrir a ausencia do rexedor, a primeira tenente de alcalde- Barral- pinta bastante menos que o edil de persoal e facenda- Fernández.

Advirten desde a Intersindical Galega, ademais, que “hai persoal laboral co que o Concello se comprometía na RPT a recoñecer unha dispoñibilidade que tacitamente vén realizando, posto que está dispoñible fóra de xornada para traballos previstos ou urxencias, mais tendo en conta que o Concello pretende non contemplar máis de sesenta postos de traballadores e traballadoras laborais nesa futura RPT, estamos de novo, ante unha solución frustada”.

“Se a isto lle sumamos que desde xullo de 2017 hai unha serie de acordos tomados na Comisión paritaria do Convenio colectivo incumpridos e que se corresponden con retribucións de determinado persoal, a situación empeora, xa sen mencionarvos que desde esa data o Concello ten pendente a definición do termo “evento” para o cobro de complemento de funcións extraordinarias mais decidiu de inmediato que o persoal que traballase nas festas de San Roque e na Feira Medieval si que o cobraría sen ficar pendente de definir nada, e, de paso, discriminou a persoal de diversos departamentos do Concello que programan eventos e actividades ao longo de todo ano, en moitos casos cunha dedicación horaria que supera calquera límite establecido na lexislación laboral” explican.

“Con respecto ao incumprimento dos acordos da Comisión paritaria e os acordos pendentes estamos estudando as posibles vías de denuncia fóra do Concello (Inspección, Xulgado ou outras) no caso de que a situación non mellore, non obstante, antes trasladarémoslle o noso malestar por esta situación ao concelleiro de Persoal e instarémolo a que resolva todas as cuestións de aplicación pendentes do Convenio colectivo no canto de seguir traballando novas vías, como a de exclusión do persoal laboral da RPT, tal e como veñen facendo nos últimos meses” advirten.