O goberno gábase de non ter executado 1,67 millóns de euros nun orzamento de 8,5

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

O goberno local remitiu un comunicado gabándose do resultado que arroxa a conta do pasado 2017, aprobada sen alegacións no periodo de exposición pública. O executivo local gábase de ter recollido un superávit orzamentario de 1,3 millóns de euros e un remanente de tesorería, unha cantidade que non se chegou a gastar, de 1,67 millóns.

O goberno municipal destaca nunha nota que o superávit do pasado exercicio permite destinar agora 1,1 millóns de euros a “investimentos en equipamentos e infraestruturas en materia educativa, cultural, deportiva e de servizos”. Destaca, asemade, que os ingresos do Concello foron de 8,5 millóns, mentres que os pagos ascenderon a 8,1 millóns de euros. Desa previsión de algo máis de 8 millóns de euros, 1,67 quedou sen gastar.

O concelleiro de Economía e Facenda, Diego Fernández, atribuiou os números á xestión do executivo e insiste en que reduciron o endebedamento. Para iso, e con dous empréstitos da Deputación aínda en curso e sen comezar a devolver, volta comparar as cifras actuais coas de 2011, enfatizando que a débeda agora se sitúa no 4,94%, fronte ao 46% do ano 2011.

Que é o remanente e que significa

Segundo a consultora local SieLocal, o remanente de tesorería é un saldo que permite coñecer, ao final do exercicio, a solvencia ou capacidade económica que ten unha administración para afrontar as súas débedas. Contabilízanse os fondos líquidos da institución (diñeiro en caixa e bancos) máis os dereitos recoñecidos pendentes de cobro, restando a todo iso as obrigacións que están pendentes de pago, tanto do orzamento corrente como dos xa pechados, e as operacións extraorzamentarias (as realizadas sen fondos previstos para acometelas nos orzamentos anuais).

O resultado orzamentario amosa o grao de execución do orzamento ao finalizar o ano, a 31 de decembro,indicando a relación existente entre os dereitos liquidados netos do periodo e as obrigacións recoñecidas netas, de cuxa comparación obter o deficit ou superavit do exercicio.

Trátase, en definitiva, de diñeiro que non se gastou: de obras, proxectos, subvencións e programas que poderían terse levado a cabo pero que quedaron en nada por falta de tempo, pola lentitude dos trámites administrativos, porque dependen tamén doutras administracións, por prioridades políticas…

Sen orzamentos este 2018

O executivo local mantén Betanzos sen orzamentos. Aínda que todo fai indicar que se a estas alturas do ano non os hai será que 2018 correrá sen contas, o achegamento e recoñecemento público de novas conversas a porta pechada entre BN e PSOE pode deparar máis sorpresas.

Segundo a Lei de Facendas locais, a alcaldesa debería ter formado o orzamento xeral, para remitir ” informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria (…) ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución”. Tal vez as conversas entre PSOE e Marea estean indo nesta dirección, mais o seu contido, condicións e acordos son segredos.