O goberno contratou irregularmente o concerto de La Oreja de Van Gogh de 2017

Diego Fernández, concelleiro de festas, e María Barral, alcaldesa, na presentación do cartel das festas deste ano

O debate da conta xeral do pasado 2017 deparou algunhas sorpresas onte na sesión plenaria. Entre outras, irregularidades en facturas, no pago de 17 700 euros polo Globo de San Roque á familia Pita ou do concerto de La Oreja de Van Gogh prescindindo do procedemento legal. Os informes da Intervención denunciaron, ademais, a existencia de numerosos servizos que se prestan de forma continuada sen o amparo de contrato que os avale ou que o executivo local fraccionou determinados contratos para evitar ter que sacalos a licitación pública, unha práctica habitual e reiterada que denunciaron varios titulares do departamento nos últimos anos.

O habilitado nacional advirte, por exemplo e seguindo a liña dos seus predecesores, que os “Sucesores de Claudino Pita” deberían presentar unha factura ao Concello polos 17 700 euros correspondentes á elaboración do Globo, e non o recibí que presentaron. Tamén reproba o pago de 42 350 euros polo concerto de La Oreja de Van Gogh porque “foi omitido o procedemento contractual”, sinala o funcionario, que puxo un reparo suspensivo a esta factura.

O funcionario denuncia nos seus informes tamén o incumprimento da da lei que prohibe fraccionar contratos na prestación de varios servizos. A emisión de facturas das mesmas empresas polos mesmos servizos de forma reiterada e prolongada no tempo leva ao habilitado nacional a advertir de que o executivo local omite o obligatorio procedemento de contratación e fracciona servizos que, ao relacionar traballos e facturas acadan contías que obriga a licitar publicamente subministros e servizos.

O BNG criticou onte que o goberno local utiliza “as mesmas formas que utilizaba o PP no gasto público e que o PSOE incluso denunciaba”. “Incumplen a lei, saltan por encima dos informes dos técnicos cando advirten que incumplen a lei pero logo néganse, en base a informes deses mesmos técnicos, a contratar persoal para eses servizos públicos que privatizan pola porta de atrás”, censurou Henrique del Río.

A denuncia das irregularidades dos informes en boca dos voceiros da oposición non apeou do seru discurso ao goberno local, que foi o único grupo que votou a favor da conta xeral e que insistía nunha boa xestión económica exemplificándoo no remamente, de 2,34 millóns de euros e, tras deducir a estimación dos dereitos de difícil ou imposible recaudación e o exceso de financiamento afectado, o remanente alcanzou os 1,67 millóns, de modo que o orzamento pechouse cun superávit de 1,3 millóns, 70,06 euros por habitante. Deles, 1,13 acordouse onte destinalo a investimentos.

Tan só o BNG votou en contra da conta xeral a causa das irregularidades contidas nos informes e das prioridades no gasto. O PSOE foi o único grupo que votou a favor e PP, BN e BeC optaron por absterse.

Reprobación ao xuízo aos 19 de Meirás

“O Pleno de Betanzos acaba de aprobar a nosa moción en apoio aos 19 de Meirás e para esixir a devolución gratuíta do Pazo de Meirás ao pobo galego co apoio do PSOE, BN e BeC e a abstención do PP”. O BNG resumía así na sñua conta de twitter o resultado da votación desta moción presentada polo BNG.

Do mesmo xeito, os nacionalistas informaban de que ” pleno apoia por unanimidade conservar a fábrica da luz, mais cos votos en contra do PP e o Psoe e a abstención das mareas rexeitase estudar expropiar a fábrica ou cambiar o contrato da luz de Gas Natural, responsábel da situación do edificio”.

Tamén se aprobaron as mocións de BN sobre ordenanza de inspección técnica e sobre a curtidoría da Madalena e a do PP sobre plans de autoproteción. O goberno local sacou adiante, fóra da orde do día, investir 1,13 millóns de euros do remanente a obras que a oposición cuestionou por “chegar moi tarde” e que o PP denunciou pactadas entre PSOE e BN, extremo que non desmentiron ningún dos dous grupos.