García renuncia a pedir a gratuídade da AP9

A peaxe da AP-9 en Macenda, en Piadela

Nun momento no que o PP galego demanda, agora,- desde a moción de censura que desbancou a Ranjoy da Moncloa- a fin do veto ao traspaso da AP9, o PSOE betanceiro renuncia xa a reclamala amosando por onde pode ir o novo goberno español ao respecto.

Segundo o goberno local detalla nun comunicado, o alcalde, Ramón García, expuxo na reunión de alcaldes coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, a demanda d eliminación ou abaratamento das peaxes da AP-9 en Macenda e en Guísamo. A tese do goberno local é reducir ou eliminar a viaxe de volta cara a Coruña, entendendo que “con iso reduciríase nun 20% os vehículos na N-VI, que hai que descargar de tráfico”.

Segundo o rexedor e o seu partido, “aínda que as comunicacións de Betanzos con Coruña son boas, os veciños de Betanzos e a súa comarca teñen que sufrir día a día distintos embotellamentos para chegar á capital herculina, de aí a importancia de rebaixar as peaxes; ter a conexión da Vía Ártabra e programar actuacións noutros servizos públicos como o de ferrocarril, cos trens de proximidade”.

Asume a necesidade de conectar o bus As Mariñas con Betanzos

O rexedor asegura que “unha vez que as liñas de transporte por estrada (buses) chegan ao centro da Coruña, tamén se estuden liñas aos polígonos industriais, en distintas frecuencias, e a posta en marcha dun servizo que conecten os concellos da comarca de Betanzos con Betanzos”, unha tese que veu sendo defendida polo BNG e á que o PSOE puxo a proa en varias ocasións.