Francisco Aguiar e Seixas de Ulloa, o arcebispo que se enfrontou a Sor Juana Inés de la Cruz

Francisco Aguiar retratado na capela do pazo de Illobre

O decano dos institutos públicos da nosa cidade leva o nome de Francisco Aguiar. Hai que se fixar moito no recibidor do centro para atopar o retrato dun bispo, sen que o web oficial do instituto explique quen era o home que lle dá nome. Idéntico retrato figura colgado na Sala Capitular do Pazo Municipal, situando ao arcebispo mexicano entre os máis senlleiros fillos de Betanzos.

Unha praca de pedra recorda, ao pé da torre do reloxo da parroquial de Santiago, que Francisco Aguiar, arcebispo de México e morto “en loor de santidad” recibiu as augas bautismais na pía do templo que levantara Andrade o Mozo. E é que o que sería cabeza da Igrexa no Virreinato de Nueva España naceu fronte ao templo, no pazo de Lanzós, propiedade da súa familia paterna dado que  era fillo de Alonso Vázquez de Seixas e Lobeira, rexedor perpetuo da cidade de Betanzos, e de doña Mariana de Ulloa.

Aguiar e Seixas comezou cos seus primeiros estudos na cátedra de latinidade de Betanzos, ubicada na actual praza de Fernán Pérez de Andrade. Tras a morte do seu pai foi protexido polo arcebispo de Santiago, Fernando de Andrade, a quen serviu como paxe e grazas ao cal estudou na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor entre 1668 e 1674. A súa traxectoria antes de cruzar o Atlántico completouse sendo coengo maxistgral na catedral de Astorga, penitenciario da catedral compostelá e profesor de filosofía nela e reitor do Colexio.

Carlos II presentouno para bispo de Guadalajara en México en xaneiro de 1677, pero non chegou a tomar posesión poruqe o 20 de agosto de 1677 foi nomeado bispo de Valladolid de Michoacán, embarcando en Sevilla con destino a América o 14 de xullo do ano seguinte. En 1680 foi nomeado polo Papa Inocencio XI arcebispo da Nova España, actual Arquidiócese de México, cuxa cátedra ocupou o 2 de xaneiro de 1682, ao parecer grazas á influencia da Compañía de Jesús.

Desde ela promoveu a fundación e construción do Seminario Conciliar de México, a construción de múltiples obras dedicadas á beneficencia, como varias escolas gratuítas para nenos pobres, un hospital para enfermas mentais, o colexio de San Miguel de Belén, a Casa de Misericordia e o Hospital da Magdalena para mulleres de “vida licenciosa” e unha casa de recollemento para doncelas pobres.  O 26 de marzo de 1695 ordenou o derrubo  e o inicio das obras do templo Santuario da nosa Señora de Guadalupe, patroa de México, que non finalizaron ata 1709.

Segundo a información que dá o propio arcebispado azteca, morreu na Cidade de México o 14 de agosto de 1698. O Cabildo de México inmediatamente promoveu a causa de beatificación, contando co apoio do seu sucesor á fronte do arcebispado, Francisco Lorenzana. O proceso iniciouse o 30 de decembro de 1767, asinado polo Deán da Catedral Metropolitana, Luís F. de Moya e Mier, e asinado tamén por altas personalidades da Universidade de Salamanca. Aínda a día de hoxe está sen concluír.

Asceta e caritativo en esceso

Do seu carácter ascético, da súa vida privada de luxos e de ter sido o “maior limosneiro” de México non quedaron dúbidas, e por iso inmediatamente trala súa morte o cabildo de México promoveu a súa beatificación. Entre as virtudes máis destacadas que nel se recollen están o entregar as súas roupas a algúns pobres e mantido a outros mentres era estudante, así como o asistir e curar a enfermos.

Mais esta xenerosidade tampouco está exenta de controversia. Antonio Rubial García relata como, “non todo foron alabanzas, loas e exaltados sermóns” cara “a súa figura de bispo dadivoso, de sacerdote asceta e de reformador dos costumes foi considerada como un modelo para os prelados”. Así, en 1699, o mesmo ano que saía á luz a obra Joseph de Lezamis, o confesor do arcebispo, “tres conventos de relixiosas esixían a restitución de propiedades e capitais que a obsesiva dadivosidade de Aguiar confiscara. A petición abríase como un proceso xudicial sobre o espolio”. E para Francisco de la Maza “de don Francisco Aguiar e Seixas, obsesivo donador de esmolas, misóxino ata a esaxeración e inimigo da literatura, o único que podemos dicir é que era máis de manicomio que de palacio episcopal”.

No seu ensaio Sor Juana Inés de la Cruz o las trampas de la fe, Octavio Paz di de Aguiar e Seixas que “ía da devoción á cólera, do fervor á acrimonia; a súa caridade era máis odio que amor, a súa humildade máis aborrecemento a si mesmo que fraternidade. Non coñecía nin a amizade nin a confianza”. Baseado na biografía que escribiu en 1699 José de Lezamis, confesor do arcebispo, di Paz de Aguiar e Seixas que “malia a admiración e o amor que lle profesou, o retrato que fai Lezamis é o dun home vehemente e caprichoso, aprensivo e colérico, suspicaz, cruel con el mesmo e cos outros, visitado continuamente polas pantasmas da ira e a luxuria. A súa caridade era despótica, a súa humildade soberbia e a súa castidade unha débauche mental”.

E engade que “se a humildade é moitas veces máscara da soberbia, que dicir da castidade? Aguiar e Seijas foi soado non só polas súas esmolas senón polo seu horror ás mulleres. Na súa historia da Igrexa mexicana, Francisco Sosa di que `a aversión do arcebispo cara á muller era tan esaxerada que podería cualificarse de verdadeira teima. Consta que desde os seus primeiros anos evitou o seu trato e proximidade; non hai por que estrañarse de que, xa sacerdote, nin o rostro quixese verlles'”

Baseado en testemuños da época, o Nobel escribe sobre o espírito caritativo de Aguiar e Seixas que “posuído por unha sorte de rabia caritativa, non se contentaba con dar o seu senón que, usando e abusando da súa autoridade sacerdotal, obrigaba aos outros a facer caridades extravagantes os que se plegaron á súa teima dadivosa non foron os verdadeiros ricos, que tiñan medios e poder para resistirlle, senón xente de mediano pasar e que por esta ou aquela razón debíalle obediencia. Unha das vítimas desas piadosas exacciones foi sor Juana”.

Sobre o temperamento colérico de Aguiar e Seijas, Paz cita textualmente o Diario de sucesos notables, de Antonio de Carballos, onde se narra que o arcebispo chegou ao extremo de golpear a Carlos de Sigüenza e Góngora, en 1692, debido a unha “diferenza de opinión”.

Víctor Roura chega a asegurar, en Codicia e intelectualidad, que son Juana “foi afundida nun doloroso mutismo polo misóxino arcebispo Francisco Aguiar e Seixas, que a obrigou, a principios de 1693, a doarlle a súa biblioteca, conformada por uns catro mil volumes que comezaría a reunir desde nena, “e que dunha plumada foron dar á rúa uns e ás chamas outros”. Conclúe que “o arcebispo disfrazou, baixo a ropaxe da súa extrema caridade, un acto de xeito evidente arbitrario, para a salvación da alma da muller indócil”.

O bispo misóxino que someteu a Sor Juana Inés de la Cruz

No Anuario Brigantino de 2009, o párroco Manuel Ares Faraldo, que foi docente no centro que leva o nome do arcebispo ademais de arcipreste de Xanrozo, publica un traballo sobre a figura do relixioso betanceiro e toma partido polo relixoso fronte ás críticas que, desde entón, perseguen a súa figura. “Llamarlo misógino y enemigo de las letras me parece una exageración y desconocimiento tendencioso” sostén o crego betanceiro para rebatir un ensaio do Nobel de Literatura Octavio Paz sobre as presións que o arcebispo exerceu sobre a poeta Sor Juana Inés de la Cruz.

Durante o século XX a maioría de estudiosos e escritores mexicanos e latinoamericanos laicos e liberais, entre eles, Alfonso Reis, Emilio Abreu Gómez e ata Octavio Paz, aseguraron que Sor Juana foi vítima de presións da Igrexa. Así, Octavio Paz no seu libro “As trampas da fe” dixo que Sor Juana foi vítima dunha intriga, un enfrontamento entre o bispo de Puebla, Manuel Fernández, e o arcebispo de Cidade de México, Francisco Aguiar e Seixas, a quen cualificou de “misóxino”.

Para someter a Sor Juana, o alto clero contaba con mecanismos internos “non formais” para aplicar a disciplina eclesiástica, e que en caso de ser necesario unha chamada de atención do Santo Oficio era máis que suficiente. E o arcebispo, que chegou a México prohibindo as pelexas de galos, as corridas de touros e algunhas representacións teatrais e teatros clandestinos enseguida viu incompatible a súa condición de relixiosa co carácter profano de gran parte da súa obra.

Mais cal era o motivo desta zunia contra a poetisa? Para Linda Egan, unha manifestación máis do seu odio contra as mulleres e, ao tempo, un pulso contra a creadora por poñer en evidencia ao seu admirado teólogo Vieira na Carta Atenagórica. Remóntase á propia biografía do arcebispo legada polo seu confesor atopando nela o seu sufrimento permanente por culpa do “aguillón da carne”. “Encerrar a moitas mulleres era para el, ata certo punto, unha medida de higiene persoal” sostén Egan, advertindo que baixo o “propósito oficial” de “protexer a virtude”- de aí as fundacións do bispo para dementes, prostitutas e mozas.

Octavio Paz tamén alude á actitude de Sor Juana e ás consecuencias da Carta con respecto a Aguiar e Seixas, cando escribe que “ela non se avergoñou nunca de ser muller e a súa obra é unha exaltación do espírito feminino”. Lonxe de dobrarse ao temor que infundía o arcebispo, Sor Juana escribiu a célebre Carta Atenagórica, unha crítica do sermón de Vieyra, o teólogo venerado por Aguiar e Seixas,  coa que estaba realmente dando unha lección ao prelado e retándoo nunha dupla dimensión segundo o Nobel de Literaturam, como intelectual e como muller. “Coa carta non só mostra o seu dominio do discurso retórico, senón tamén o seu coñecemento teolóxico e o seu sentido da liberdade, ao referirse con argumentos contundentes sobre o espiñento tema do libre albedrío, que lle era tan próximo e polo cal loitou toda a súa vida” di Egan.

A Carta publícase nunha pugna política cando a sede arcebispal de México está vacante tras a saída de Frei Payo Enríquez de Rivera sendo Fernández de Santa Cruz, bispo de Puebla, unha das opcións contempladas, fronte a Francisco de Aguiar e Seixas. A Carta Atenagórica é publicada polo prelado poblano baixo o pseudónimo de Sor Filotea da Cruz, cun prólogo no que este eloxia e critica á monxa polas súas atribucións cara ás letras sagradas. Sor Juana toma partido e a victoria do betanceiro condénaa.

Na versión de Octavio Paz, Aguiar e Seixas foi humillado doblemente pola monxa, xa que esta, separadamente de ser muller, rebateu a través da Carta atenagórica ao teólogo xesuita Antonio de Vieyra, entre cuxos “amigos e admiradores” atopábase, “en primeira fila”, o despótico arcebispo, quen alcanzara o seu nomeamento en gran medida á protección dos propios xesuitas. Narra Paz que debido a este odio sor Juana sentía “unha mestura de repugnancia e de medo ante o extravagante e terrible arcebispo”. Poñer no seu sitio á monxa que o desafía, por muller e por literata profana, pasa a ser unha prioridade para o prelado, segundo moitos destes estudosos.

A investigadora baséase en O silencio final de Sor Juana de Elías Trabulse, cun resumo limpo para concluír que certas autoridades masculinas, tanto institucionais como individuais, colaboraron para derrotar á monxa, sinalando á Igrexa mexicana como responsables dun silencio forzado á creadora nos anos finais da súa vida, malia o cal non deixou de escribir, mais sen publicar. De feito, o propio arcebispo tería utilizado os escritos da poeta que apareceron inéditos á súa morte para compoñer a publicación da Fama e obras póstumas (1700) para que se crese que a monxa deixara de escribir voluntariamente utilizando a obra da poeta como un arma de propaganda para amosala como unha católica arrepentida de expresarse durante anos de xeito libre.

Causa inconclusa de canonización

A causa iniciada coa súa morte para canonizar a Aguiar segue aberta e sen avances máis de dous séculos despois. Sería, de concluírse, o segundo santo betanceiro, tras Santo Toribio, ou o terceiro de contarmos a San Pedro de Mezonzo, do actual municipio de Vilasantar.

En abril de 1741, o Vaticano recibiu os autos do proceso que seguiu en México e Compostela para avaliar a santidade do prelado. Así, no século pasado, a Universidade de Santiago de Compostela fíxolle esculpir unha lenda nunha das súas salas: “Conservou toda a súa vida unha pureza anxélica e unha modestia allea de todo fausto, tan celoso do ben do seu rebaño que visitou todas as dióceses con imponderable fatiga trouxo moitas almas ao suave xugo da Lei Evanxélica Foi exemplar de prelados, limosniero, na Igrexa devoto, e só para si severo”.

Nos anos corenta do século pasado o arzobispo primado de México acelerou o seu proceso de beatificación, sen avances. Tal vez as escesivas dobreces do seu perfil complican o seu trámite.