Falece o exsecretario de Betanzos, Cristóbal Fraga

O pazo municipal

Cristóbal Fraga, que por décadas foi secretario xeral do Concello de Betanzos, faleceu repentinamente na tarde de onte mentres aproveitaba as súas vacacións nas Rías Baixas. O habilitado nacional abandonara o Concello de Betanzos tras unha longa baixa por enfermidade e logo de gañar no Tribunal Supremo un recurso contra o resultado dunha oposición que o levou, finalmente, a tomar posesión en abril do ano pasado como secretario da Deputación de Lugo, onde se incorporou uns meses máis tarde.

Fraga Bermejo chegara a Betanzos nos 90, sendo alcalde Manuel Lagares e permaneceu no posto ata abril do pasado ano. Protagonizou un enfrontamento sonado con Javier de la Fuente, ao que gañou un pleito tras o edil de CxB acusalo de esconder documentación. Non menos sonado foi o seu enfrontamento coa alcaldesa do PP María Faraldo, con cruces mutuos de reproches e acusacións que acabaron con Faraldo nos tribunais a causa da contratación irregular dun profesor para o conservatorio, da que finalmente saíu absolta.