O executivo local asegura que esta foi “unha das mellores edicións” da Feira Franca

Presentación da Feira Franca coa ausencia do rexedor

Betanzos desperezouse hoxe aínda co estrondo das palmeiras de morteiro que a medianoite pecharon oficialmente a Feira Franca Medieval. Mentres operarios municipais baldean desde que saiu o sol as rúas para retirar as toneladas de lixo xeneradas pola recreación histórica e as pás varrían a area do foxo do torneo en que onte mutou a praza do Campo, os negocios de hostalaría do Campo afanábanse en retirar todas as mesas adicionais das súas concorridas terrazas para volver con normalidade ao século XXI.

A 21 edición da festa medieval deixa unha vez máis o debate na rúa. Ao “sota, cabalo e rei” do programa respondera o pregoeiro asegurando que eran “críticas políticas” ao programa, e ás propostas para mudar a feira e relanzala que fixo o BNG co seu photocall de persoeiros medievais xa coutou o goberno local anticipando á La Voz de Galicia xa no número de onte que, a falta de balance, a que onte acabou fora “unha das mellores edicións” do festexo.

Unha opinión en absoluto coincidente coas dos propietarios e responsables dos postos do mercado medieval, fosen artesáns, asociacións ou comerciantes do Casco Histórico. Todos reseñaban baixada de visitas e vendas, cunha diferenza salientable cos números do ano pasado.