O DOG publica o inicio da declaración de BIC do Pasatempo, sen novas dos cartos da Xunta para rehabilitalo

Unha visita no Pasatempo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia  a resolución pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de xardín histórico o Parque do Pasatempo. Outorga o réxime de protección máximo ao recinto no que se tramita o expediente, que agora pasa a unha fase de información pública durante un mes. De consolidarse este réxime, as previsións urbanísticas do goberno local no Carregal poderían verse afectadas por exixirse cautelas arqueolóxicas en todo o antigo recinto do parque, ademais de establecer un ámbito de protección.

Contra o que defendeu o PP en 2011- pretendía declarar BIC todo o actual parque do Pasatempo, incluída a zona nova do auditorio e a controvertida pasarela-,  o expediente propón como ámbito BIC unha extensión de 10.184 m2, incluíndo os dous únicos elementos da parte baixa do parque que se conservan no seu lugar orixinal, nomeadamente a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións. En concreto a delimitación axústase á parcela física na que se asenta a parte alta do parque, en base á cartografía máis detallada posible, que foi facilitada polo Concello de Betanzos.

O contorno de protección, de 355.352 m2, axústase á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte ás parcelas que dan fronte á avenida Carregal; polo noroeste ao camiño público que comunica O Carregal con Abelares; polo leste ao Camiño Real da Infesta; polo suroeste ao regato do Escorial; e polo sur e sureste ás parcelas de solo urbano cualificadas polo planeamento como uso empresarial.

Cómpre ter en consideración, dentro deste contorno de protección, a delimitación do que foi a parte baixa do parque, onde se atopa a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións. De feito, o propio expediente indica que será precisa a realización de actividade arqueolóxica preventiva nesta parque no caso das intervencións que supoñan movementos de terras, co obxecto de poder documentar ou, no seu caso, recuperar elementos que poidan ser de interese para o coñecemento e interpretación do Parque.

Sen compromisos de financiamento

O anuncio confirma a nova da pasada semana. Mais, como naquela altura, non detalla que compromisos económicos asume a Xunta para rehabilitar o parque, que recoñece no DOG estar nun estado de conservación malo e “delicado”. Tan só desde a Deputación provincial comprometeron 600 000 euros nun modificativo de crédito en tramitación. O Concello tampouco ten fondos para investimento no parque, xa que tan só previu nos orzamentos 160 000 euros para un estudo técnico.