Diego Fernández faise co control do PSOE como novo secretario xeral

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

O PSOE local ten desde esta fin de semana novo secretario xeral, logo do relevo de Antonio Vázquez Lorenzo, que accedeu ao cargo hai 14 anos. O novo líder dos socialistas betanceiros é o edil Diego Fernández, que viña sendo xa secretario de organización e fai parte da executiva provincial desde hai anos.

O presidente da agrupación local, un cargo máis ben simbólico, seguirá a ser o actual alcalde, Ramón García. O resto da nova executiva local do PSOE estará composta polos edís Andrés Teijo, Mónica Carneiro e Belén Veiga, o exsecretario xeral Antonio Vázquez Lorenzo (concelleiro de Obras e Urbanismo) e a edila María Barral, que será vicesecretaria xeral. O resto da executiva son Jesús Espiñeira, Elena Germade, Luciano Monterroso, Guadalupe Naveira, Pablo Beade, Enrique Seoane e Mónica Romay. Deste xeito, todo o goberno local fai parte do órgano de dirección do partido.

Fernández xa era o home forte do goberno

Desde o seu desembarco no goberno local en 2011, Diego Fernández xa era o home forte do executivo local. Desempeña carteiras relevantes como persoal, facenda, réxime interior e festas, entre outras. Isto permítelle, de facto, controlar toda a administración local e mais o gasto das restantes concellarías.

Vinculado ao aparato do partido, chegou desde a Deputación provincial, onde era asistente de Antonio Lagares. O rexedor de Paderne, César Longo, truncou a súa ambición de herdar o escano provincial do seu mentor, que agora ficou máis desprazado da cidade xa que o home forte do PSOE no partido xudicial betanceiro é o rexedor de Pontedeume.

Rumores de cambio de cartel no PSOE

A elección de Fernández como secretario xeral e líder da agrupación local socialista foi lida en clave sucesoria. Desde o inicio da actual lexislatura, cada certo tempo se reactiva o ruxe-ruxe sobre a xubilación do alcalde. Nas quinielas pola sucesión, o nome de Fernández López aparece cada vez con máis forza e a comunicación do goberno local parece afianzar esta rumoroloxía.