Dez anos despois do seu derrubo a Xunta asegura que aposta por rehabilitar a Casa Gótica

Unha vista parcial do Casco Histórico

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou onte Betanzos, para gabarse do investimento de 3 millóns de euros en 11 inmobles do Casco Histórico que realizou o goberno galego desde que comprara as once vivendas en 2010, en vésperas das eleccións municipais en que o PP pretendía revalidar o bastón de mando.

Segundo a mandataria, estes investimentos “permitirán poñer ao servizo dos veciños 16 novas vivendas rehabilitadas”. A conselleira visitou as obras que se desenvolven en tres inmobles da rúa da Cerca, cun orzamento de 1,2 millóns de euros, que darán como resultado a comezos do vindeiro ano 6 novas vivendas sociais e 3 locais comerciais. Paralelamente, asegurou, a Xunta continúa traballando nos proxectos para a rehabilitación de 8 outros inmobles que son propiedade do Goberno galego e que xa están moi avanzados.

Concretou que 5 deles, na rúa Cerca, na da Torre e na rúa Nova, xa teñen as obras adxudicadas, que se prevén comezar a finais do verán ou a principios do outono. Engadiu que a Xunta tamén prevé licitar nos meses de outono as obras dos outros 3 inmobles que restan na rúa Cortaduría.

A conselleira salientou a aposta da Xunta pola conservación, pola protección do patrimonio e pola revitalización dos conxuntos históricos. Nesa liña sostén que segue traballando o Goberno galego a través do programa Rexurbe, lanzado o pasado mes de abril co que se busca a adquisición de inmobles para a súa rehabilitación.

A Xunta non reabriu a multa contra o dono da Casa Gótica, que agora quere comprar

Plano para a rehabilitación da segunda casa gótica, cedida polos Romay á Xunta

Na actualidade, en Betanzos, a Xunta está a analizar toda a documentación aportada polos propietarios e cóntanse investir 500 000 euros na compra de 8 inmobles máis para ser rehabilitados. Concretou que entre estes inmobles está a Casa Gótica, que unha vez que o seu propietario a poña a disposición, libre de cargas e gravames, tamén será rehabilitada. Estas medidas véñense a sumar ás actuacións de reforma de inmobles na ARI deste casco histórico.

Ethel Vázquez evitou aclarar por que, tras o arquivo da causa penal pola demolición da vivenda edificada polo rexedor Lopo García de Vilouzás, a Xunta non volveu reabrir o expediente que fixaba unha sanción de ata 150 000 euros. Estas explicacións foron demandadas tamén, ao igual que as das condicións da cesión da Casa Gótica dos Romay (unha das tres primeiras vivendas en rehabilitarse con cargo a fondos públicos), en sede parlamentaria polo BNG.

O goberno local tampouco foi capaz de ir máis alá das catro multas coercitivas que o Concello impuxo ao titular da Casa Gótica para forzarlo a rehabilitar o inmoble. O PSOE recuperou a alcaldía prometendo expropiar e rehabilitar a que fora a vivenda máis antiga de Betanzos.