Detidas dúas persoas por roubar nun domicilio “información empresarial de gran valor”

O cuartel da Garda Civil de Betanzos, na praza Alfonso IX

A Garda Civil detivo a dous individuos como presuntos autores dun delito de roubo con forza nunha vivenda de Betanzos. Os axentes alegan que A.O.P., de 72 anos e veciño da mesma localidade, e A.M.S., de 27 anos e residente en Sada, foron arrestados pola Área de Investigación do Núcleo Operativo de Betanzos por roubar nunha casa utilizando métodos para forzar as súas entradas. Segundo indica o Instituto Armado, recuperouse a totalidade do material subtraído polos ladróns, entre o que se atopaban diversa maquinaria e material deportivo, ademais de lápices de memoria USB que contiñan “información empresarial de gran valor”.

A operación continúa aberta e a Garda Civil non descarta novas detencións relacionadas con este caso, así como con outros roubos en vivendas que se sucederon na comarca. Os arrestados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número tres de Betanzos.