Deteñen a un home tras unha persecución en coche polas rúas de Betanzos

Interior do cuartel da policía local. Concello.

Pasadas as dúas da magrugada do pasado día 15 a Policía Local recibiu unha chamada para denunciar a J. L. P. R., de 34 anos, pola substracción das chaves dun coche e a posterior fuga no vehículo. A denunciante era a propia nai do presunto ladrón, que informou que debido ao comportamento que había ter seu fillo “podíase atopar baixo a influencia de bebidas alcólicas e, ata, de sustancias estupefacientes”.

Dúas patrullas da garda municipal iniciaron a persecución polas rúas de BEtanzos, atopando o vehículo na rúa do Rollo, ao que o condutor fixo caso omiso e a punto estivo de atropelar aos policías. O fuxido continuou a súa fuga pola rúa do Doutor Fariña e por García Naveira, onde volveu saltarse o control que dispuxera a outra patrulla do 092 conducindo de maneira temeraria, facendo eses, invadindo o carril contrario ao sentido da súa marcha e poñendo en grave risco a vida doutros condutores que circulaban polas mesmas rúas.

O home saíu de Betanzos e incorporouse á estrada AC-542 logo de percorrer máis de dous quilómetros. Cando chegou ao cruzamento coa N-VI, na zona das Cascas, as patrullas da Policía Local betanceira tíñanlle preparado un forte control. O fuxido non puido evitalo, deu varios bandazos ata que perdeu o control do coche, saíu da vía, batiu contra varios sinais e chocou contra a mediana. Os policías tivérono que reducir, para posteriormente trasladalo ao centro de saúde de Betanzos, desde onde foi derivado ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

A J. L. P. R., que conta con antecedentes por feitos similares, realizáronselle as probas de alcol e drogas. Impútanselle dous delitos, por conducir baixo os efectos do alcol e por condución temeraria.