A Deputación quere actuar de maneira urxente no Pasatempo para evitar novos derrubos

Reunión entre o deputado do BNG, Xosé Regueira, e a asociación de amigos do Pasatempo o pasado ano (fonte: redes sociais do BNG)

A Deputación da Coruña solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que lle permita o uso inmediato dos fondos consignados para a rehabilitación do Pasatempo de Betanzos debido á urxencia de reparacións que poden conducir a un empeoramento da situación do parque.

O deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira (BNG), solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que permita o a utilización inmediata do orzamento para solucionar as urxencias do Pasatempo de Betanzos da dotación económica aprobada no pleno do mes de marzo pola que se destina 598.998,40 euros á rehabilitación do parque.

“A situación é de extrema urxencia e se non actuamos con rapidez os desperfectos serán maiores diante do temor de que se produzan novos desprendementos se non se toman as medidas necesarias para a súa conversación”, sinala Xosé Regueira que quere que o orzamento aprobado pola Deputación da Coruña poda ser empregado de maneira inmediata, para o que demanda os permisos pertinentes de Patrimonio que tería tamén “que actuar co carácter extraordinario da situación e axilizar o consentimento para poder evitar riscos maiores”. Solicita, desta maneira, asesoramento técnico de Patrimonio para detectar as urxencias para actuar como medidas cautelares de prevención, á espera do proxecto final.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou no pleno do mes de marzo un expediente de crédito que recollía os 598.998,40 euros destinados ao Pasatempo que se sumarán aos 150.000 € que achegará o Concello de Betanzos para o proxecto de recuperación do parque construído polos irmáns García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX.

Xosé Regueira fixo fincapé nos recentes desprendementos que supuxeron a caída de parte do templete central do Estanque que obrigou a pechar o acceso a unha parte do parque.

Del Río: ” Que a Deputación interveña directamente no Pasatempo é unha boa noticia para o parque”

“O anuncio da Deputación de intervir directamente no Pasatempo para conservalo é unha boa noticia”, valorou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Agardamos que a Xunta autorice con celeridade os labores preventivas que quere desenvolver a Deputación cos 600 000 euros reservados para actuar no parque e envíe apoio técnico”, desexou.

O nacionalista saudou o anuncio realizado polo deputado provincial de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, para realizar actuacións preventivas de urxencia no parque enciclopédico.

“Agora só resta que por fin o goberno local se comprometa a redactar ou contratar o proxecto de rehabilitación para a Horta de Don Juan”, puntualiza Del Río. “Iso é o que lle imos demandar no pleno extraordinario do vindeiro martes”, aclarou. “Imos demandar prazos concretos e actuacións concretas para frear e revertir o deterioro do Pasatempo desde o Concello, porque non deixa de ser unha propiedade municipal pero, sobre todo, porque é un activo estratéxico para Betanzos e o Concello debería ter clara unha folla de ruta e un proxecto para el aínda que carecese de competencias sobre o mesmo”, explica.

“Que a Deputación vaia intervir directamente no Pasatempo cos fondos que reservou xa en marzo é unha boa noticia para o parque e para Betanzos”, engadiu. “O BNG está facendo todo o posíbel por conservar o Pasatempo”, explicou Henrique del Río. “Tomando a iniciativa desde a Deputación ante a pasividade do goberno local e acadando un acordo de todos os grupos no Parlamento para poñer por escrito por vez primeira cal é o compromiso que a Xunta asume con respecto ao Pasatempo”, engadiu.

Sen declaracións do goberno local

Mentres o goberno local manten silencio desde que a Xunta afirmou que nunca se comprometera a redactar o proxecto de rehabilitación do Pasatempo nin o están facendo ao contrario do que afirmou o PSOE no Pleno. Descoñecemos se pensan apoiar a intervención da Deputación provincial ou que prazos barallan para contratar o proxecto de rehabilitación, aínda que se espera que anuncien algunha medida concreta no Pleno extraordinario convocado para o vindeiro martes. A orde do día do Pleno non recolle ningunha proposta de acordo e só recolle continuar co debate do Pleno anterior, que na práctica sería unha intervención de 3 minutos por grupo sen máis réplica nin votación ningunha.