A Deputación destinará máis de 1,6 millóns a manter as vías da comarca

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

A Deputación deu onte o inicio para a licitación do plan de mantemento de vías e obras para o presente 2018. Este programa contempla a execución de traballos de mantemento, mellora do firme e reparación de fochancas nos máis de 2.000 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria nas estradas coruñesas e reducir a sinistralidade, asegura nun comunicado o ente provincial.

A Deputación remarca que, ademais do Plan de conservación, o servizo de Vías e Obras da Deputación ten en marcha un programa destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, dotado con 4 millóns de euros para o período 2017-2018. Por primeira vez, estas tarefas son obxecto dun contrato independente do Plan de conservación, co obxectivo de mellorar e axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas, para facilitar a visibilidade e a circulación, evitar a propagación de incendios e incrementar a drenaxe de augas pluviais.

As estradas da nosa comarca inclúense en varios grupos, cunhas contías asignadas en función dos quilómetros de estradas provinciais. A Deputación asegura uqe investirá uns 4000 euros por quilómetro de estrada:

  • GRUPO 7 CABANAS, MIÑO, PADERNE E PONTEDEUME 221.006,31
  • GRUPO 8 IRIXOA, MONFERO E VILARMAIOR 305.410,91
  • GRUPO 9 OLEIROS E SADA 248.801,24
  • GRUPO 10 CAMBRE, BERGONDO E BETANZOS 293.337,52
  • GRUPO 11 ABEGONDO, CARRAL E OZA-CESURAS 291.889,84
  • GRUPO 12 ARANGA, BETANZOS, COIROS, CURTIS E OZA-CESURAS 277.441,08

En total, serán uns 1 637 886,90 euros os que a Deputación destina ás vías da comarca.