Denuncian que o gobnerno local é incapaz de facer unha RPT nova en 5 anos e mantén diferencias salariais entre operarios que fan as mesmas tarefas

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

“O goberno municipal está a tempo de demostrar que o comprometido coa sinatura do Convenio colectivo no ano 2015 co Comité de Empresa, xusto antes das eleccións locais non era unha simple promesa electoral”. Así de contundente se amosa a CIG ao denunciar que cinco anos e dúas empresas contratadas despois, o executivo do PSOE non foi capaz de cumprir os seus propios compromisos de elaborar unha nova relación de postos de traballo (RPT) que acabe coas diferencias salariais entre empregados municipais que realizan as mesmas tarefas e responsabilidades.

A Intersindical Galega fai resumo deses dous contratos a empresas privadas, denunciando o dispendio que supuxo dado que non se chegou a ningún resultado. A primeira empresa contratada polo PSOE levou 21 000 euros do erario público, e a segunda 36 300. En total, e para non ter nada en firme, 57 300 euros.

“O calendario incluído no prego de contratación está claramente atrasado, posto que segundo a planificación inicial a Relación de Postos de Traballo estaría aprobada en novembro de 2017” denuncia o primeiro sindicato entre o persoal laboral do Concello. “Esta situación de parálise prexudica gravemente ao persoal laboral” advirten, xa que “con carácter xeral, as diferenzas entre os complementos específicos e os complementos de destino do persoal laboral e do funcionariado seguen sendo moi notables, mesmo logo da sinatura do Convenio colectivo no ano 2015”.

“En termos de retribucións isto tradúcese en que o persoal laboral cobra, de media, uns seis mil euros menos ao ano que o funcionariado, en moitos casos mesmo en postos con similares ou idénticas funcións” denuncia a Intersindical Galega. Segundo os seus datos, as diferenzas varían entre os grupos, mais en todos os casos, tanto comparando os salarios máis altos e os máis baixos de cada grupo de persoal funcionario e laboral “nos casos de xornada completa as diferenzas van desde os catro mil euros aos vinte e sete mil euros anuais, sempre en negativo para os traballadores laborais”.

“Precisamente o máis grave da negociación que o goberno municipal iniciou para unha nova RPT no ano 2017 foi que o documento proposto polo goberno do PSOE incidía na discriminación retributiva entre laborais e funcionarios e non na valoración en igualdade de condicións do complemento de destino e específico, independentemente da relación laboral ou funcionarial” denuncian, sinalando ao goberno do PSOE como responsable de manter esta situación no tempo.

“O goberno municipal está a tempo de demostrar que o comprometido coa sinatura do Convenio colectivo no ano 2015 co Comité de Empresa, xusto antes das eleccións locais non era unha simple promesa electoral” ironizan, acendendo a conta atrás para exixirlle ao PSOE “eliminar as discriminacións en función da relación laboral ou funcionarial do Concello de Betanzos”.

“Catro anos despois daquela sinatura o persoal laboral segue cobrando, de media, un 25% menos de salario que o funcionariado e o goberno municipal non deu paso ningún para solucionar esta situación, e o peor, é que no único momento que a puido solucionar, durante a negociación da RPT, avogou por defender criterios que afondasen na discriminación existente” reproban.