Denuncian que o goberno local retén a suba salarial aos empregados municipais

Diego Fernández é o concelleiro de persoal e economía de Betanzos

“Desde o pasado 5 de xullo de 2017 a Sección sindical da CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos que aplicase o incremento retributivo contemplado na Lei 3/2007, mais a día de hoxe non só seguimos sen resposta senón que o Concello tampouco aplicou tal incremento” denuncia a primeira forza sindical do Concello. Recordan que esta lei foi publicada o 28 de xuño e que “desde ese momento a maior parte dos concellos próximos foron aplicándoa mais queda, como sempre, o Concello de Betanzos á cola cando se trata de incrementos para o persoal ao seu servizo”.

Explican que ademais deste incremento mensual da nómina, o goberno local “debe reintegrar os atrasos deste desde o 1 de xaneiro, polo que na actualidade xa adebeda nove meses de atrasos”. Esta demora, que a efectos prácticos supón que os empregados municipais están prestando forzosamente parte dos seus cartos ao Concello, foi un dos asuntos abordados a pasada semana nunha xuntanza co concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández.

Na xuntanza, celebrada a petición do comité de empresa, o edil tería explicado, logo de que a CIG denunciase publicamente a situación por medio dun comunicado no seu blog, que “a suba do 1% prevista nos orzamentos do estado parece que irá coa nómina do mes de outubro, así mesmo, hai intención de que vaian os atrasos desde o mes de xaneiro”. “Mais coidamos que este último punto non está tan claro” puntualizan desde a Intersindical Galega.