Denuncian que o goberno Barral pactou con CSIF, CCOO e UGT deixar fóra da RPT aos laborais

A Confederación Intersindical Galega denunciou que o executivo local pretende sacar adiante unha relación de postos de traballo (RPT) que perpetúa a discriminación salarial no seo da administración municipal. Advirten que a proposta de “discriminar os postos do persoal laboral que si que constan no documento- todos os que non son laborais temporais, que son a maioría- si que segue adiante coa connivencia dos sindicatos que ata o momento apoiaron esta proposta”.

Advirten desde o primeiro sindicato entre o persoal laboral que o documento pactado por PSOE, CSIF, CCOO e UGT “suporá o agravio das discriminacións xa existentes no Concello de Betanzos entre persoal laboral e funcionariado”. A modo de exemplo, aseguran que “o goberno socialista segue mantendo que un operario de limpeza viaria funcionario debe ter un nivel 13 e un operario de limpeza viaria laboral un nivel 7, coa diferenza retributiva que isto supón no complemento de destino, e no complemento específico”.

“Por se isto non fose abondo, a proposta non respecta as sentenzas existentes do persoal indefinido na creación das prazas, o que podería dar lugar a reclamacións xudiciais dos traballadores laborais afectados” censuran, advertindo do calvario xudicial que se abriría ao Concello de prosperar o documento tal e como o sacou adiante na mesa de negociación o goberno do PSOE.

A xestión de persoal do executivo socialista ten colleitado numerosas sentenzas contrarias a despedimentos improcedentes practicados polo executivo socialista, ademais de outro tipo de apercibimentos de toda índole por parte da Inspección de Traballo.

A CIG denuncia que a proposta de RPT só contempla postos de funcionarios, “algúns de nova creación, tamén con carácter funcionarial e mais os postos do persoal laboral fixo e indefinido”. Pero deixa fóra ao persoal laboral temporal, que si figuraba na RPT aprobada en 2008 co bipartito PP-CxB. Este persoal levaría anos en fraude de lei, posto que ao acumular postos de carácter estrutural e levar tantos anos, sería indefinido no caso de demandar ao Concello, segundo ten manifestado o sindicato nacionalista en reiteradas ocasións.

“A maior parte do persoal laboral non estará, pois, encadrado en ningún departamento nin terá ningun responsable directo, segundo este organigrama proposto” advirte a CIG, que alerta da “maior desregulación da historia” para este persoal no Concello.