Denuncian que o goberno local precariza ao persoal do obradoiro de emprego

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Xornada superior á prevista no convenio colectivo do Concello e salario por baixo do que este acordo entre administración e traballadores prevé. Son os compoñentes laborais dos máis de vinte contratos de persoal laboral do profesorado, o persoal administrativo e o alumnado do “Obradoiro de emprego “Emprendemento xuvenil”, especialidade promoción turística local e información ao visitante” que desenvolve o Concello.

A CIG denuncia que coa decisión do executivo local de “descolgar” estes contratos do convenio “non só lles impón unha xornada laboral semanal superior á do resto do persoal laboral senón que tamén unha retribución inferiores ao resto do persoal do mesmo grupo profesional”.

“O goberno municipal con este feito decide unilateralmente descolgar a 26 traballadores do convenio colectivo vixente” denuncian desde a Intersindical Galega. O primeiro sindicato do Concello reproba que o executivo do PSOE “tomou esta decisión a pesar de que o ano pasado, o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández lle asegurara aos representantes do Comité de Empresa nunha reunión que habería que buscar unha solución a este problema na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo”.

“O Comité de Empresa amosou a súa disconformidade cos contratos mencionados polo descolgue das condicións laborais do convenio colectivo vixente e lembroulle ao Concello que esta situación podería dar lugar a reclamacións por parte dos traballadores afectados” explica.

Por este motivo, a CIG demanda ao PSOE que “modifique de inmediato os contratos sinalados para a súa inclusión na totalidade dos seus termos no ámbito de aplicación do convenio colectivo en vigor, tanto no relativo ás retribucións como ás condicións laborais do persoal laboral contratado”.

Ademais, exixe ao goberno socialista que “deixe de tomar decisións sobre temas laborais que van en contra do aprobado e acordado no Convenio colectivo do persoal laboral, un proceso que durou anos de negociación e no que o Concello nunca fixo ningún tipo de proposta para a exclusión nin de parte nin de todos os termos do que se estaba a negociar no devandito convenio”.