Denuncian que o goberno local paga pluses a funcionarios discrecionalmente

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A CIG denunciou por medio dun comunicado no seu web o modo que ten o goberno local de pagar un plus de productividade aos empregados municipais. Explica a Intersindical Galega que o tema “segundo informa Diego Fernández, tamén se vai tratar na Mesa Xeral de Negociación que está pendente”, pero reproban que se vaia abordar dentro da negociación entre goberno e persoal “agora que se soubo que o Concello a paga como e cando quere e sen negociar uns criterios”.

Para a CIG, queda en evidencia que “se desmontou o repetido e repetitivo argumento que lle repiten aos traballadores de que están coas mans atadas e non poden facer nada, porque cando queren fano, saltando por riba da negociación colectiva e do que faga falla”.

Engade o primeiro sindicato do Concello que “mentres sigan adiando esta negociación van gastando os cartos da partida deste ano como lle vén en gana, discriminando ao persoal, e tomando decisións que repercuten claramente nos traballadores e traballadoras”. Denuncian que a pesar de que o executivo do PSOE respondeu á solicitude de convocar a negociación, aínda que sen convocala, o goberno socialista retén “a copia do decreto ou decretos relacionados con este tema” sen achegarllos.

Bases de axudas sociais con seis anos de retraso

A CIG asegura tamén que o goberno do PSOE incumpre “os prazos marcados no convenio colectivo” para aprobar unhas novas bases para as axudas sociais ao persoal que “deberían estar en vigor desde hai meses”.

Recorda o sindicato que levan “xa seis anos ás voltas” e que foi o “primeiro sindicato que demandou unha axudas con criterios verdadeiramente sociais e non os lineais aplicados ata o momento, nas que todo o persoal recibe a mesma axuda, cando unha axuda social debe ser distribuída conforme a criterios sociais, do contrario é unha axuda, mais non é unha axuda social, nin axuda só ás rendas máis baixas”.