Denuncian que o goberno local non paga a suba dos salarios ao persoal municipal

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A Administración estatal xa ditou o pasado 17 de xullo as instrucións para o pagamento dos atrasos das subas correspondentes ao ano 2018, que na actualidade xa está confirmado que son un 1,5% + 0,25% que estaba pendente. Con esta premisa de partida, a CIG advirte que “hai que lembrar que o incremento do 1,5% é con efectos do 1 de xaneiro, por tanto, o Concello non debería só aplicalo de inmediato, senón tamén pagar os atrasos desde o pasado 1 de xaneiro de 2018”. “Canto ao 0,25% a suba debe aplicarse desde o 1 de xullo e calcúlase sobre as retribucións vixentes a 31 de xaneiro de 2018” explican.

Denuncia o sindicato nacionalista que “na actualidade o Concello de Betanzos non aplicou ningunha das dúas subas na nómina e o ano pasado, cunha situación similar, aplicou o incremento retributivo coa nómina do mes de outubro e cun atraso de catro meses, e os atrasos adebedados pagounos en decembro, cun atraso de seis meses”.

“Este demora nos prazos vén sendo habitual nun departamento de Persoal que presenta serios problemas de xestión que repercuten nos propios traballadores e traballadoras do Concello que levan meses sen cobrar horas extraordinarias e que vén como as distintas subas reguladas nos orzamentos estatais son demoradas até o infinito ou os convenios aprobados e os acordos e dereitos en materia retributiva teñen un periplo xa non de meses, senón de anos en distintos casos, que lle crean desánimo ao persoal e que demostran unha nefasta xestión desta área” advirten.