Demandan ao goberno local que sente a negociar a revisión do convenio colectivo para acabar coas discriminacións

A alcaldesa e o edil de persoal (á dereita da imaxe)

O Comité de Empresa do Concello de Betanzos demandou ao executivo local que convoque a Comisión Negociadora do Convenio colectivo para a revisión do texto asinado hai case catro anos. “Esta solicitude faise tamén logo de falar co concelleiro de Persoal e á vista de que un ano e medio de reunións da Comisión Paritaria de Interpretación do Convenio colectivo non serviron para solucionar ningún dos problemas derivados da interpretación unilateral que o Concello vén facendo desde que este texto entrou en vigor en abril de 2017” explican desde a Intersindical Galega, maioritaria no comité de empresa.

A intención do Comité de Empresa con esta solicitude é “plasmar no texto os acordos aos que xa se chegou co goberno municipal nos ano 2017 e 2018, revisar e actualizar normativamente o convenio, regular algunhas cuestións puntuais que non están reflectidas no texto, así como procurar unha revisión que continúe no camiño iniciado hai catro anos e cuxo obxectivo a longo prazo era a equiparación salarial da totalidade do persoal do Concello de Betanzos, independentemente da relación laboral ou funcionarial con este”. A Relación de Postos de Traballo que o goberno do PSOE pactou con UGT, CCOO e CSIF, que deixa fóra a todo o persoal laboral temporal malia levar décadas prestando servizos no Concello, semella estar detrás desta demanda.

A CIG recorda que foi o sindicato que asinou o vixente convenio co goberno municipal e o que loitou por dar un paso adiante nesta equiparación. “Hoxe, case catro anos despois, e logo da última reunión do organismo que representa ao persoal laboral, o Comité de Empresa, a totalidade deste está de acordo en que cómpre continuar nesa loita e para iso é necesario dar pasos adiante, máis aínda cando os representantes do persoal laboral defendemos a igualdade de salarios tamén na Mesa Xeral de Negociación e mais durante a negociación da Relación de Postos de Traballo” explican.

Por este motivo, a CIG propuxo na reunión do Comité que no caso de que en xaneiro o goberno municipal non solucionase ningún dos problemas pendentes derivados da aplicación do Convenio colectivo, este solicitaría que se reunise a Comisión de negociación para intentar negociar unha modificación dalgúns puntos do Convenio colectivo vixente, “que seguimos entendendo como un marco válido e que serviu, nalgúns aspectos, para a equiparación de dereitos co funcionariado, mais que catro anos despois consideramos que precisa algunhas revisións en temas puntuais” explican. E dado que o executivo local non moveu peza para pechar a fronte que mantén aberta cos empregados municipais, realizaron a solicitude.