Demandan ao goberno local que convoque as axudas sociais do 2018

Non foron as subvencións ás entidades sen ánimo de lucro as únicas que o executivo socialista deixou sen convocar en 2018. A CIG solicitoulle ao Concello que publique a convocatoria das axudas sociais do ano 2018.

Decembro acabou sen “información ningunha sobre a convocatoria das axudas sociais do ano 2018”, polo que a Intersindical Galega reclamou por escrito que convoque as axudas sociais do ano 2018 nos prazos comprometidos polo concelleiro de Persoal.

“A pesar de que o propio concelleiro indicou que as axudas se convocarán en xaneiro, como o ano pasado, varios compañeiros que preguntaron en persoal informáronnos de que neste departamento non tiñan coñecemento de cando se realizaría a convocatoria, de aí que se realizase esta solicitude” engaden.

O executivo socialista leva postergando esta convocatoria todos os anos, realizándoa varios meses por riba dos acordos alcanzados cos traballadores e leva adiando anos unhas novas bases máis xustas, como indica o sindicato nacionalista.