Cultura da Deputación traerá a OSG a Betanzos e a Sada

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG), presentando o proxecto “A Cultura é un dereito”

A Deputación da Coruña achega 1,5 millóns de euros ao programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia e promove que haxa actuacións en distintos concellos da provincia. Este investimento supón o 70,75% do total, que ascende a 2.120.000 euros.

Ademais da Coruña, onde ten a súa sede, as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia visitarán con concellos como Santiago de Compostela, Ferrol, Sada, Betanzos, Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo. Que a programación da OSG chegue a distintos concellos e contribúa á difusión da música clásica no territorio é un dos puntos recollidos no convenio aprobado por unanimidade no pleno.

O acordo recolle actividades como a Tempada da Orquestra Sinfónica de Galicia na Coruña con 21 concertos de abono dos venres, nove concertos de abono dos sábados e concertos extraordinarios.

A Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizará tamén un concerto en Santiago, catro en Ferrol, un en Sada e un en Betanzos. Pola súa banda, a Orquestra Nova ten xa pechados un concerto en Ferrol e outro na Coruña. Ademais están por determinar as actuacións noutros concellos da provincia da Orquestra de Nenos e do Coro Novo e os Nenos Cantores. No referente ás datas dos Coros da OSG están por determinar e o que si está previsto son catorce actividades, entre concertos en familia e concertos extraordinarios, en diversos colexios da provincia da Coruña.