Cultura da Deputación financia o conservatorio, persoal para o museo e o festival Vai de Rúa

Goretti Sanmartín, deputada de Cultura, xunto ao alcalde e o voceiro do BNG na visita a Betanzos, flanqueados dos responsables do CIEC

O departamento de Cultura da Deputación acaba de facer pública a concesión de axudas aos concellos a través das distintas convocatorias que lanzou nos últimos anos: persoal para museos, conservatorios e escolas de música, rede cultural, festivais, etc.

Concretamente, na nosa comarca, o departamento que dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín destina 7.900 euros ao Festival Folk de Guísamo, 2.500 ao fetival de artes escénicas Vai de Rúa de Betanzos-2.500 a outro Festival de Artes Escénicas na Rúa oleirense- e 3.700 euros ao Festival Internacional de Títeres do Consorcio As Mariñas.

Pola súa banda, as subvencións para conservatorios ou escolas municipais de danza e música chegarán a Abegondo, Betanzos, e Sada. Nas axudas a contratación de persoal destinado a museos ou centros de interpretación o Concello de Betanzos tamén foi beneficiado.

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece case setecentas actuacións nos meses de xullo e agosto ao longo de todo o territorio. Música, danza, teatro, e demais manifestacións artísticas chegarán aos concellos a través do circuíto cultural da Deputación.
Cun orzamento de case dous millóns de euros, a Rede Cultural da Deputación da Coruña promove ao longo do ano 2018 un total de 1.797 actuacións das que 686 se desenvolven nos meses de xullo e agosto.

O mes de xullo será o que maior número de actividades albergue do calendario da Rede Cultural 2018, ao rexistrar 384 espectáculos. Neste sentido, é salientable a intensa actividade cultural que terá lugar na semana grande de Galiza, do 23 ao 29 de xullo, onde se levarán a cabo 86 eventos. Así mesmo, agosto achegará ás vilas e pobos da Coruña un total de 302 actuacións espalladas entre espectáculos de música, cine, teatro ou danza, cos que desde a Deputación da Coruña, en colaboración cos seus concellos, se pretende facer chegar a Cultura a todos e cada un dos recunchos da provincia, e impulsar así o lema que promove a área de Cultura da deputación, a Cultura é un dereito.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín (BNG), apuntou que “a idea é que toda a nosa veciñanza poida gozar da cultura en igualdade de condicións, máis alá dos recursos dos que dispoña cada municipio”, a través dun circuíto que, segundo engadiu, “quere fomentar o traballo e os proxectos das nosas creadoras e artistas e difundir a produción cultural de maneira ampla, seguindo o noso lema de que a cultura é un dereito”.

Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento de actividades culturais por todo o territorio, difundir a cultura galega, e seguir a incrementar a participación das veciñas e veciños nos espectáculos, a web da Deputación pon por primeira vez a disposición da veciñanza “unha axenda na que se inclúen a totalidade dos espectáculos do circuíto cultural”, e na que se poden consultar os emprazamentos e os horarios das actuacións.