CSIF celebra os acordos co goberno local de Betanzos

O edil de facenda, Diego Fernández, nun pleno

O sindicato máis representativo do persoal funcionario de Betanzos, CSIF, celebra os “importantes acordos alcanzados” co Concello de Betanzos en “temas transcendentes”. Tras manter varios encontros co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, os representantes dos traballadores conseguiron arrincar ao Executivo o compromiso de aplicar o incremento salarial acordado e que levaban meses sen recibir, segundo denunciara a CIG, o reparto e incremento da produtividade; aprobar un novo regulamento de reparto de axudas sociais; abordar a recuperación das 35 horas semanais e finalizar o o documento da RPT para a súa aprobación o “antes posible”, informa o sindicato.

Este optimismo choca coa postura do persoal laboral do Concello, representado maioritariamente pola CIG e que supón a ampla maioría do persoal municipal, que se mostra crítica coa RPT que se está a negociar e con diferentes actuacións de privatización e falta de negociación do Concelleiro de persoal. A RPT deixaría fora a máis de 70 traballadores en situación de laborais temporais que para que a súa situación se recolla se verán obrigados a ir a xuízo.