CSIF, CCOO E UGT pactan co PSOE que os funcionarios do Concello teñan o nivel retributivo máis alto e os laborais o máis baixo

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

A CIG denunciou que o xoves pasado a negociación da relación de postos de traballo do Concello evidenciou a existencia de “distintos acordos do goberno municipal con CSIF, CCOO e UGT” e que o executivo socialista avanzou que elaborará unha RPT tan só para “os postos de funcionarios/as, de laborais fixos e os de obrigada creación por unha sentenza de indefinición”. Esta decisión do goberno local supón, explican desde a primeira forza sindical do Concello, que “arredor de 60 traballadores e traballadoras laborais ficarán á marxe do documento de ordenación e nunha situación certamente irregular, a pesar de que o goberno municipal se comprometera aínda hai un par de meses non só a que a totalidade dos postos formasen parte do documento senón que faría unhas adscrición provisional dos laborais temporais aos postos da RPT”.

A Intersindical Galega xa informou ao persoal deste extremo, dado que “a solución que lle dá o goberno municipal a todos estes traballadores que ficarán á marxe da RPT é que acudan ao xulgado reclamar a indefinición”, en base precisamente ás irregularidades na xestión de persoal que durante décadas cometeu o propio goberno do PSOE.

Así as cousas, a CIG denuncia que o acordo do executivo local con CCOO, CSIF e UGT supoñerá que “os postos de funcionarios fican co nivel máis alto posible de cada tramo” mentres que “os postos de laborais fican co nivel máis baixo posible de cada tramo”. A consecuencia disto, denuncian que “non existe un sistema de valoración igual para todos os postos os postos da RPT e si unha nova discriminación do persoal laboral”.

 

“A maiores prosperou unha proposta do goberno municipal, apoiada por CCOO, UGT e CSIF da inclusión dun novo factor discrecional que o Concello reserva para outorgar ata un 10% a determinados postos baixo parámetros que non están definidos polo momento mais cuxas explicacións deixaron claro que non se aplicaría á totalidade dos postos nin aclararon os criterios de reparto” denuncian.