Críticas ao goberno local por colgar macetas das farolas de González Villar

As macetas nas farolas modernistas, co Edificio Arquivo ao fondo

Desde comezos desta semana as farolas modernistas do Campo, deseñadas por Rafael González Villar na remodelación do Campo da Feira para ser a principal praza da cidade nos anos 20, teñen uns novos engadidos. O goberno local ven de ordenar a instalación de macetas suspendidas dos postes das farolas, desfigurando os motivos modernistas da mesma, engadindo aos báculos do característico “verde Betanzos” unhas flores de cor púrpura.

O executivo local, contra o que ven sendo habitual, non remitiu ningún comunicado situando a colocación de petunias púrpuras como un plan de medio ambiente ou ornato no centro urbano, mais a colocación destes motivos ven sumarse á súbita recuperación dos controvertidos maceteiros piramidais adquiridos sendo alcaldesa María Faraldo (PP) e escondidos nos almacéns municipais durante toda esta lexislatura.

Tanto na rúa como nas redes sociais foron abondosas e practicamente unánimes as críticas polo gasto nestas macetas suspendidas, dubidando do bo gusto e mais do seu mantemento futuro e indicando outras prioridades. Mesmo houbo quen censurou que o gasto en macetas sexa toda a política ambiental do executivo local.

O PSOE criticara a desfiguración da obra de González Villar e a compra de macetas

Dáse a casualidade de que o PSOE, na oposición, criticou agremente ao goberno local do PP por reducir o xardín do palco da música. Segundo os socialistas, o deseño do xardín- que non recuperaron- era obra orixinal de González Villar e facía parte do conxunto da praza. O goberno do PSOE esqueceu agora aquelas palabras para situar as macetas suspendidas das farolas deseñadas polo arquitecto modernista, desfigurando a súa peculiar fisonomía por introducir elementos alleos á fundición orixinal.

Tampouco aforraran críticas e pasquíns desde o PSOE pola compra das seis macetas piramidais xigantes por parte do goberno local, cuxo custo o BNG cifrara en 3400 euros a unidade. O PSOE erixiuna nun exemplo dos dispendios do PP na campaña na que recuperou a alcaldía, pero o certo é que xa as retirou e recuperou varias veces desde que retornou ao poder, o ano antes dos comicios nas dúas ocasións. En ningún momento fixo público o custo global do que investiu en macetas.