Correos investirá case un millón de euros en reformar a súa oficina en Betanzos

O Concello de Betanzos informou de que Correos solicitou licenza de obra para rehabilitar o edificio que posúe na praza Alfonso IX, unha actuación na que investirá case un millón de euros.

A actuación prevista contempla unha eliminación de calquera división interior nas tres plantas das instalacións, para destinar a uso exclusivo de oficina de Correos, redistribuíndo os distintos espazos desde un punto de vista funcional, segundo explicou, de acordo coa proposta presentada, o Goberno de Betanzos.

A planta baixa seguirá “reservada” á atención ao público con melloras nos accesos para persoas de mobilidade reducida, sendo este ademais, o emprazamento escolleito para a área de atención ao usuario, con espazos de oficina e de traballo para os empregados de Correos. Tamén se instalarán ascensores para conectar todas as plantas do inmoble de Alfonso IX.

En canto ao inmoble de Telefónica, fronte a Correos, a institución municipal espera que actúe canto antes, xa que hai un tempo debeu ser valado pola caída de cascotes á beirarrúa. O executivo destaca esta actuación porque segundo o alcalde “implica fortalecer a sé de Correos en Betanzos e por extensión na súa comarca”. As oficinas de Correos agora ocupaban o semisótano e a planta baixa.