O Consorcio plántase e exíxelle a Gelo anular a auditoría

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

Nula de pleno dereito. Tal sería a resolución asinada polo alcalde de Oleiros para contratar unha empresa externa para auditar as contas do Consorcio das Mariñas. É o resultado dun informe elaborado pola Secretaría do Consorcio, que contou co asesoramiento da Secretaría do Concello de Vigo.

En base a el, o Consorcio das Mariñas requiriu ao Concello de Oleiros para que “anule ou revise”esta resolución, que Ángel García Seoane comunicou en agosto ao Consorcio, dando conta de que adxudicara, mediante contrato menor, á empresa Auren Auditores, para colaborar “coa intervención municipal na realización da auditoría da conta xeral do Consorcio As Mariñas correspondente ao ano 2017 por un importe de 11.600 euros máis 2.436 euros de IVA, o que importa un total de 14.036 euros”.

O informe de Secretaría do Consorcio indica ademais que Seoane expresou a súa intención de que este contrato que el adxudicou (e que non figura en ningunha plataforma de contratación pública), por 14.000 euros, sexa abonado polo propio Consorcio. Así as cousas, o secretario advirte de que a auditoría de cumprimento é “outro tipo de auditoría” que únicamente pode aplicarse a “entidades do sector público non sometidas a control permanente”, que non é o caso do Consorcio porque este ten a dous habilitados nacionais que realizan un control permanente xa. “Outra cousa é a elaboración dun plan de control ao amparo do establecido no Real Decreto 424/2017, no que as auditorías de cumprimento serán de plena aplicación a partir de xaneiro de 2019” engade.

O informe engade que Oleiros non pode facer tampouco unha auditoría de cumprimento cando este concello non a fai para el tampouco e cando “non conta con habilitados nacionais” (os seus secretario e interventor son accidentais). Apunta que o ente comarcal podería “esixir” de Oleiros tamén este tipo de auditoría engadindo outra fronte máis ao conflicto creado entre este e outros alcaldes do Consorcio.

O secretario do Consorcio sinala que o Concello de Oleiros “non ten a habilitación legal para contratar un servizo que pretende que o Consorcio asuma e pague”, que en tal caso quen ten que facer a contratación sería o propio Consorcio e suxire anulala.