Condenado o Concello a facer indefinido a un traballador temporal en fraude

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Nova condea contra o Concello de Betanzos pola súa política de persoal. A CIG informou, a través dun comunicado, de que “xa hai unha primeira sentenza firme de indefinición para o persoal” laboral do Concello, que na súa maior parte está catalogado como persoal laboral temporal a pesar de levar anos, incluso décadas, traballando ininterrompidamente para o Consistorio.

“Esta sentenza vén logo dunha demanda realizada para reclamar tal condición e supón que o goberno municipal xa ten que modificar a proposta de Relación de Postos de Traballo sobre a que se traballaba na novena Mesa de Negociación da RPT, que tivo lugar o pasado 20 de xullo de 2018” explican desde a Intersindical Galegas.

A CIG advirte que, a causa da política de persoal seguida durante décadas polo Concello, durante décadas dirixido por gobernos monocolores do PSOE (agás o primeiro mandato da UCD, a lexialatura do bipartito e a do PP), “nos vindeiros meses é posible que cheguen máis sentenzas, e, de feito, xa hai algunha data de xuízo”. Explican que “moitos compañeiros e compañeiras xa interpuxeron as súas demandas e están á espera da data do xuízo”.