Condenado o Concello a facer indefinido un laboral que levaba anos en fraude

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

O goberno municipal de Betanzos acaba de sumar unha nova conta ao longo rosario de condenas xudiciais pola pésima xestión de persoal desenvolvida ao longo de varias décadas polo PSOE. A Xustiza ven de condenar ao goberno local a facer indefinido a un traballador laboral, con contrato temporal desde hai lustros, por estar contratado en fraude de lei ao superar amplamente as condicións da contratación temporal.

Segundo informou a CIG no seu web, “esta sentenza vén logo do primeiro dos xuízos que o Concello tivo con motivo das denuncias que os traballadores realizaron a raíz de que o goberno municipal reunise ao persoal municipal no pasado mes de febreiro e lles comunicara que practicamente a totalidade do persoal laboral que estaba en fraude de lei non formaría parte da Relación de Postos de Traballo, reunión na que tamén lles dixo que a única solución para que os postos constasen na Relación de Postos de Traballo sería que os traballadores actuais denunciasen e reclamasen a relación laboral indefinida”.

Se ben desde a Intersindical Galega lembran que “esta sentenza aínda pode ser recorrida polo Concello”, avanzan xa que “solicitarán unha reunión co concelleiro de Persoal para preguntar pola postura do Concello neste tema, aínda que agardan que sexa a comprometida nas mesas xerais de negociación onde afirmou en diferentes ocasións que non sería un problema que os traballadores demandasen”.

“Esta será a primeira sentenza de moitas, porque hai máis traballadores e traballadoras que teñen interposta unha demanda de reclamación de indefinición e están a espera da data no xuízo” advirte a CIG. A orixe do contencioso é que o PSOE mantivo con contratos temporais á inmensa maioría dos traballadores laborais do Concello, precarizando a súa situación laboral.