O Concello tramita unha modificación do plan parcial de Piadela para construír unha depuradora

O polígono industrial de Piadela. Google Maps.

O Concello de Betanzos tramita unha modificación puntual do plan parcial do polígono industrial de Piadela para autorizar a construción dunha estación depuradora en lugar da estación de bombeo prevista. Faino a petición da empresa Tojeiro Transportes, modificando o planeamento no desenvolvemento proxectado para o sector de chan apto para urbanizar industrial SAUI-5.

O executivo local sostén no borrador da modificación do plan, que o Concello xa remitiu á Xunta que as empresas situadas no sector 3 tratan na actualidade as súas augas residuais mediante sistemas propios e considérase “necesario” dotar a esta parte do polígono dunha “solución global”. Nese sentido, asegura que “aínda que tanto o plan parcial como o proxecto de urbanización prevían o vertido de todas as augas fecais xeradas no sector á EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Betanzos, impulsadas a través dunha EBAR (Estación de Bombeo de Augas Residuais) prevista na esquina norte da actuación do sector, esta actuación implicaría a día de hoxe, varios aspectos problemáticos”.

O goberno municipal asegura neste documento que se xerarían “afecciones” pola tubería de impulsión e que “a EDAR de Betanzos atópase no seu límite de capacidade de tratamento, polo que esta nova conexión empeoraría a situación actual”. Por este motivo, propón a construción dunha estación depuradora con vertido directo á canle do regato que pasa polo entorno.

Asegura que esta medida permitiría evitar as afeccións pola instalación das tubaxes a terceiros situados fóra dos límites do polígono industrial e supoñería unha “solución tipo de depuración e vertido xa aprobada por Augas de Galicia para os sectores 1 e 2, e que vai en liña coas actuais tendencias en xestión de augas residuais, de que as áreas industriais depuren as súas propias augas independentemente”.

Ademais, cabería a “posible execución de estación depuradora con tecnoloxía que permita adecuar a capacidade da planta de tratamento aos caudais de augas residuais realmente xerados”. Esta solución non estaba contemplada no Plan Xeral redactado polo equipo de goberno, que propuña empregar a depuradora da factoría de TAFISA para todo o polígono e o novo núcleo de poboación que o PSOE proxectaba construír entre Montellos, Casas Novas e Infesta, o controvertido “distrito suroeste”.

A Xunta xa ten en exposición pública o documento, admitindose alegacións e achegas ata o 1 de outubro.