O Concello leva a programación do 8 de marzo aos centros de ensino

A Fonte de Diana, no Campo, nunha imaxe de arquivo

“Este ano a programación do Concello con motivo do Día Internacional da Muller incluirá como novidade unha mirada ao público infantil e xuvenil”. É o que salienta o executivo local nun comunicado de prensa para dar conta das actividades que programa en torno ao 8 de marzo, nos que mantén como citas fóra dos centros de ensino un roteiro, un premio e a xuntanza de palilleiras.

Para todo tipo de público o Concello repite a ruta guiada, que baixo o título “Betanzos en feminino”, que percorrerá diversos recunchos do municipio relacionados coa muller. O punto de encontro será a Oficina de Turismo ás 11:00 h da mañá do día 10 de marzo. Como novidade este ano a ruta tamén se desenvolverá noutras datas para o alumnado dos centros educativos de Betanzos. Doutra banda a Biblioteca Municipal Castelao acollerá a exposición bibliográfica “Escritoras galegas contemporáneas”, que se desenvolverá desde o 1 ata o 31 de marzo.

A programación completase coa Xuntanza de Labores Artesanais, que xa vai pola décimo cuarta edición, que terá lugar o sábado 10, ao longo de todo o día no Liceo, e reunirá como cada ano a centos de mulleres. Por último, o domingo día 18 de marzo entregarase o premio Úrsula Meléndez de Texeda que recoñece o labor a favor da igualdade entre homes e mulleres en Betanzos.

Respaldo á folga feminista

O Concello acordou no último pleno respaldar a folga feminista do vindeiro 8 de marzo, segundo unha proposta presentada polo BNG. En virtude deses acordos o web municipal ten o manifesto da convocatoria e o balcón municipal luce a bandeira lila do movemento feminista mundial.

Programación escolar

O alumnado de infantil dos centros educativos de Betanzos gozará o próximo 9 de marzo dun contacontos por conta da narradora Raquel Queizás. “Demos a volta ao conto” pretende cambiar os roles masculinos e femininos dos contos populares que fican na memoria colectiva, de maneira que o príncipe Branconeves encargarase de varrer, facer as camas e cociñar mentres as ananiñas van á mina para traballar.

Para o alumnado da ESO, ciclos e bacharelato arranca o 7 de marzo o concurso de fotos “O papel das mulleres betanceiras hoxe”. Ademais de ofrecer tres premios de material escolar, servirá para seleccionar as fotos que formarán parte da futura exposición “Mulleres en Betanzos; dous séculos”, que se levará a cabo nos próximos meses. Esta mostra suporá un percorrido polo papel da muller betanceira, a través dos anos, contando con fotos antigas do arquivo para contrastalas con imaxes actuais, seleccionadas a través deste concurso.