O Concello celebra o día da poesía con varias actividades nos centros de ensino

O CEIP Vales Villamarín

Por cuarto ano consecutivo o Concello realizarou diversas actividades dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros de ensino da localidade con motivo do Día mundial da Poesía, que se celebra hoxe 21 de marzo, coa finalidade de potenciar a sensibilidade, e a imaxinación a través da poesía, ademais de promover e prestixiar o uso da lingua galega como ferramenta de creación literaria e artística.

A escritora Antía Otero do colectivo Apiario achegoulle ao alumnado de primaria o 21 de marzo, o espectáculo “Celebrar o verso”, un recital acompañado de videopoemas arredor da poesía galega tratando de facer un percorrido temporal e xeracional a través de voces significativas de construción da nosa lírica. Esta proposta está destinada ao alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín e do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” e desfrutarán dela perto de douscentos nenos e nenas destes centros de ensino.

Así mesmo, o vindeiro 4 de abril as poetas galegas Lucía Aldao e María Lado volverán ao IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar, mais desta volta co espectáculo “Aldaolado porque si” que reflexiona sobre a relación que as poetas teñen coa súa lingua propia, o motivo polo que escolleron o galego e como o usan polo mundo adiante, para facer unha reflexión sociolingüística neste novo espectáculo exclusivo para os centros de ensino e ao que asistirán arredor de trescentos alumnos e alumnas de 3.º e 4.º da ESO do IES Francisco Aguiar e o IES As Mariñas.