Comezan a declarar no xulgado de Betanzos os 19 de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás hai un ano

A partir das 10 desta mañá os 19 de Meirás comezarán a prestar declaración no antigo Hospital de San Antonio tras ser denunciados pola Fundación Franco e os herdeiros do dictador pola ocupación simbólica das Torres de Meirás o pasado 30 de agosto de 2017.

Naquela data, un grupo de activistas da Memoria Histórica, integrantes de entidades culturais, sindicais e mesmo militantes do BNG despregaron unha faixa, nun día de visitas ao BIC da que fora residencia da Pardo Bazán, para reclamar a devolución ao patrimonio público da residencia estival do dictador.

Diante desta “toma simbólica e pacífica”, a familia do dictador e a Fundación Franco reaccionaron coa presentación dunha querela criminal na que se acusa ao colectivo de diversos delitos- violación de morada con violencia, danos, delictos contra a honra e de odio- que poderían chegar ata os 13 anos de cárcere para cada unha das persoas denunciadas.

Tanto a ocupación simbólica como a reacción dos Franco saltaron á prensa internacional e puxeron o foco na maneira en que se fixeron estes últimos coas Torres de Meirás. Concellos, Deputación da Coruña e entidades crearon a Xunta Pro Devolución do Pazo e encargaron estudos para revelar como foi o proceso de adquisición da propiedade.

En paralelo á declaración nos xulgados betanceiros está prevista a celebración dunha concentración de apoio na praza do Campo. O Concello de Betanzos aprobou o pasado martes, a iniciativa do BNG, unha moción de apoio ás persoas procesadas pola ocupación simbólica de Meirás.

Na concentración, prevista para as dez da mañá de hoxe, participará, entre outras persoas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. O BNG sinala que a petición de pena de cárcere podería sumar ata 247 anos de cárcere e unha multa de medio millón de euros.