A CIG volve denunciar o uso do portal do Concello como almacén

A delegada de prevención da CIG rexistrou unha nova queixa, como cada ano, pola utilización que o goberno municipal fai da entrada da Casa do Concello como almacén de instrumentos e trastes dificultando o traballo do persoal que presta os seus servizos nese edificio, así como creándolle riscos innecesarios á cidadanía que acude ao edificio.

Aseguran que, desde hai varias semanas, “o Concello vén utilizando a entrada da Casa Consistorial como almacén de diversas cousas relacionadas coa Feira Franca Medieval”. Advirten de que “esta situación vense repetindo cada ano, tal e como xa os delegados de prevención do Comité de Empresa lle teñen comunicado ao Concello e cada vez é máis grave posto que os obxectos que o Concello deposita na entrada do edificio cada vez permanecen máis tempo nesta”.

Sinalan que esta situación produce uns riscos non avaliados tanto para o persoal como para a cidadanía que accede diariamente ás dependencias administrativas e que, ademais, “dificulta en ocasións o tránsito polas dependencias e podería supor un perigo no caso de que haxa que realizar unha evacuación”.

A Intersindical Galega advirte que este edificio está avaliado como oficinas administrativas e no caso de querer destinalo para almacén de xeito continuo, á vista do que ocorre cada ano nas mesmas datas, o Concello debe realizar unha nova avaliación de riscos laborais. “Do contrario non pode usar como almacén a entrada dunhas oficinas administrativas municipais” aseveran.